Xoves 30 Novembro 2023

Universidades de Galicia e Portugal queren lanzar titulacións conxuntas en 2021

As tres universidades galegas e as do Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro reforzarán a cooperación con dous máster e dous programas de doutoramento

A Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -composta polas universidades da Coruña, Minho, Santiago de Compostela, Porto, Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro- e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) están a traballar de maneira conxunta na posta en marcha de catro titulacións internacionais -dous mestrados e dous programas de doutoramento- que, se todo vai como agardan, poderían arrancar a súa andaina no curso 2021-2022. Así se adiantou este venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo durante a última reunión de seguimento do proxecto europeo Universidade Sem Fronteiras, UNISF, liderado pola Universidade de Minho e financiado cun orzamento de 1,49 millóns de euros da última convocatoria do Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza (Poctep).

En palabras da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación,  María Isabel Doval, o proxecto “foi tomado con moito interese por todos os participantes porque cando se solicitou e se aprobou foi antes de que xurdira toda a filosofía do programa Erasmus+ European Universities”, explica a vicerreitora, ao tempo que fai fincapé en que UNISF é, precisamente, unha especie de proxecto piloto a pequena escala do European Universities. “Eu penso que o que de aquí saquemos vai ter moita influencia en consorcios máis ambiciosos como son as European Universities”, recalcou Doval, quen admitiu que, “se ben somos conscientes de que é un reto difícil, porque unha cousa é o que aquí se decida e outra o que permitan os respectivos gobernos rexionais, estamos moi ilusionados”.

Reunión do proxecto Universidades Sem Fronteiras celebrada en Vigo. Foto: Duvi.
Reunión do proxecto Universidades Sem Fronteiras celebrada en Vigo. Foto: Duvi.

As titulacións

Trátase de desenvolver toda unha serie de ferramentas que contribúan a minimizar os obstáculos xeográficos, administrativos, xurídicos e académicos entre estas seis universidades para poder así pór en marcha estas catro titulacións. Se ben aínda non teñen unha denominación definitiva, os catro títulos xa están concretados, serán un Máster en cidades intelixentes, outro en Dereito europeo ou internacional –aínda sen determinar-, un programa de doutoramento en Matemáticas Aplicadas e outro en cuestións interxeracionais, “xa que esta é unha cuestión que nos afecta tanto a Galicia como a Portugal, dado o elevado nivel de envellecemento que temos en ambos territorios”, explicou Joana Almeida, da Universidade do Minho.

“Todos estes programas son multidisciplinares e os docentes que compoñen as diferentes comisións académicas pertencen a áreas moi diversas”, explicou Almeida, quen exemplificou esta afirmación co cadro de docentes do Máster de smart-cities, “conformado por docentes de xeografía, de arquitectura, de enxeñaría…”.

A xuntanza contou coa participación dunha vintena de especialistas, entre os que se atopaban numerosos vicerreitores e prorreitores destas seis universidades, así como diferente persoal técnico tanto das universidades como da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER).

1 comentario

  1. E falastes primeiro co noso Presidentiño, para pedirlle permiso? Como se enteren en Madrí aplicannos o 155…..

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

Que é a lexionela? A bacteria que agroma en Galicia e Portugal sen que se coñeza o foco

O bacilo deixa 18 casos no Rosal, A Guarda e Caminha. Secuenciaranse mostras para determinar se existe relación entre os gromos

Dez anos de xornalismo e divulgación

O reitor da UDC, Julio Abalde, salienta o papel de Gciencia como impulsor da divulgación científica en Galicia nos últimos 10 anos

Amparo Alonso: “A intelixencia artificial apodera os humanos”

A catedrática da UDC analiza a regulación europea e recoñece que a relación entre humanos e máquinas precisa dun tempo de adaptación