Martes 28 Novembro 2023

As vagas de frío na península serán cada vez menos frecuentes e duradeiras

Este evento climatolóxico reducirase na península e Baleares aproximadamente un 50% en comparación co período 1971-2000

As vagas de frío na Península Ibérica e Baleares serán cada vez menos frecuentes, duradeiras e a súa extensión espacial tamén será menor. Esta é a principal conclusión á que acaban de chegar os investigadores da USC Alejandro Díaz-Poso e Alberto Martí no artigo titulado ‘Cold wave intensity on the Iberian Peninsula: Future climate projections’. O traballo no que tamén participan Dominic Royé, da Fundación para a Investigación do Clima, e Nieves Lorenzo da Universidade de Vigo (UVigo), acaba de ver a luz na revista Atmospheric Research e amosa proxeccións para o período 2021-2050.

O estudo constata que a intensidade media das vagas de frío continuará sendo similar, aínda que os eventos extremos diminuirán en magnitude para o conxunto da Península Ibérica e Baleares, entre un 43% e un 54%, segundo a senda de representación de concentracións de gases de efecto invernadoiro (RCP, polas súas siglas en inglés), 4,5 e 8,5, respectivamente. A extensión máxima das vagas de frío para o período 2021-2050 diminuirá de maneira moito máis acentuada que a extensión media, con descensos que oscilan entre a -2.4% por década e o -5,5% tamén por década.

“Este estudo foi motivado pola inexistencia de estudos específicos da intensidade e extensión espacial das vagas de frío futuras no ámbito da Península Ibérica e Baleares”, explican dende o equipo investigador.  Estes eventos, tal e como acontece coas vagas de calor, pódense caracterizar por catro dimensións: frecuencia, duración, intensidade e extensión espacial, as cales se abordan neste estudo mediante a utilización do índice ECF (Excess Cold Factor). Desenvolto por científicos australianos do mesmo xeito que o seu análogo para as vagas de calor (o índice EHF), incorpora directamente o aspecto da intensidade e o proceso de aclimatación do corpo humano, o que posibilita o seu uso na avaliación dos efectos das vagas de frío na saúde a nivel da poboación.

O número medio anual de días de vaga de frío na Península Ibérica e Baleares reducirase aproximadamente un 50% en comparación co período 1971-2000

As maiores intensidades obsérvanse no este/nordés peninsular e zonas montañosas, e as menores na zona oeste. Así mesmo, as áreas que mostran unhas maiores intensidades coinciden, en liñas xerais, coas áreas onde as vagas de frío son máis duradeiras e frecuentes. A razón principal deste patrón espacial radica na presenza dunha valgada a 500 hPa (hectoPascais, unidade de presión do sistema internacional, equivalente a 100 pascais, utilizada en meteoroloxía para expresar a presión atmosférica) situada ao nordés da Península, que favorece a existencia dun corredor de aire continental extremadamente frío cara ao este/nordés da Península Ibérica. Así mesmo, a ausencia de grandes elevacións ao longo da franxa occidental peninsular e a exposición ás masas de aire procedentes do Atlántico favorecen a menor intensidade, frecuencia e duración das ondas de frío no oeste peninsular. 

O número medio anual de días de vaga de frío na Península Ibérica e Baleares reducirase aproximadamente un 50% en comparación co período 1971-2000 (de 20,7 a 10 días). As tendencias para 2021-2050 mostran unha diminución de – 1.2 días/década e – 2.4 días/ década para os escenarios RCP 4.5 e RCP 8.5, respectivamente. A duración media dos eventos para o conxunto da Península Ibérica e Baleares tamén diminúe, aínda que en menor medida, de 6 días a aproximadamente 5.

Os eventos extremos diminuirán en magnitude para o conxunto da Península Ibérica e Baleares, entre un 43% (RCP 4.5) e un 54% (RCP 8.5)

Saúde

“É importante destacar que, aínda que as diminucións, especialmente significativas en termos de frecuencia e extensión espacial, suxiran unha diminución da exposición humana, no futuro próximo as vagas de frío poden seguir sendo unha ameaza local grave, xa que a poboación, cada vez máis envellecida e aclimatada a unhas temperaturas máis altas, pode resultar moi vulnerable a episodios de frío intenso”, explican dende o equipo investigador.

A sensibilidade do índice ECF ás variacións locais de temperatura, e polo tanto, a súa capacidade para detectar condicións de vaga de frío con maior antelación que outros índices, convérteno nun índice útil para o desenvolvemento de sistemas de alerta sanitaria ante vagas de frío, así como para a toma de decisións que minimicen o impacto negativo destes eventos en sectores especialmente susceptibles, como o transporte ou a enerxía. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cambio radical no tempo en Galicia: volve a chuvia e baixan drasticamente as temperaturas

A partir do xoves caen os termómetros pola chegada dunha masa de aire frío polar. Na segunda metade da semana as precipitacións serán menos abundantes

Como impactará a borrasca Elisa en Galicia?

Non terá tanta intensidade como Ciarán ou Domingos. O sábado será o día con máis precipitacións

Unha profunda borrasca atlántica traerá a Galicia outra fin de semana pasada por auga

As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso e nalgunhas zonas poderase chegar aos 20 graos. O sábado será o día con máis precipitacións

Un tren de borrascas trae máis chuvia e frío a Galicia esta semana

O mércores poderán acadarse os 40 litros en 12 horas. As temperaturas experimentan un descenso e os ventos non soprarán tan fortes como con Domingos