Quen non quixo viaxar algunha vez no tempo? Aínda que sexa cientificamente imposible, o enxeño dalgunhas persoas trata de buscar alternativas o máis semellantes posible. É o caso de René Voorburg, impulsor de Vici.org, un mapa arqueolóxico interactivo que recolle miles de vestixios romanos: dende pontes ata campamentos militares en todas as xeografías ás que chegou o famoso imperio. Esta iniciativa, que se puxo en marcha en 2012, permíteche descubrir unha completa recompilación dos restos romanos que aínda quedan no teu concello.
Máis alá da muralla de Lugo e da torre de Hércules, os símbolos máis representativos dos romanos no que hoxe é Galicia, pódense atopar unha multitude de localizacións relacionadas con esta época. O que máis abundan son as pontes. Tamén aparecen sinaladas as calzadas ou camiños romanos, algunhas vilas como a de Adro Vello (na Lanzada) ou campamentos romanos temporais. As minas romanas, como as de Taboada e Magrós, e as termas como as de Ourense, Cuntis e Caldas de Reis tamén aparecen sinaladas no mapa. De todos modos, a configuración da aplicación permíteche descubrir outros xacementos contemporáneos, como os castros, ou museos actuais que tratan esta época histórica.
Pero máis alá da descrición pormenorizada dun mapa cheo de achados, Vici.org ten un funcionamento similar á Wikipedia e convida a todos os seus visitantes a que contribúan ao mapa. Deste modo, calquera persoa que o desexe pode introducir algún vestixio da antigüidade clásica que non apareza na páxina web, indicando algúns datos básicos, como o nome, a localización e o tipo de espazo que se vai engadir. Ademais, moitos dos lugares do mapa carecen de fotografía, polo que tamén se poden agregar imaxes relacionadas cos vestixios romanos xa incluídos en Vici.org.
Ao tratarse dun mapa colaborativo, as achegas son innumerables pero tamén se corre o risco de que algúns apuntamentos sexan errados. De todos modos, o mapa en conxunto é un bo compendio dos vestixios romanos que calquera pode atopar no territorio e serve como guía para coñecelos e comprobar o seu estado actual. Malia que hai zonas moi traballadas, con moitos símbolos, hai outros puntos cegos no mapa que aínda non recibiron a súa particular colaboración. Sexa como sexa, virtual ou persoalmente, Vici.org é unha forma sinxela de retroceder no tempo. E de facerte partícipe dunha historia con máis de 2.000 anos de antiguidade.