Xoves 30 Novembro 2023

Un sorprendente achado: a posible protección da aspirina contra a polución

Un estudo que analizou os efectos da contaminación aérea nas probas de avaliación cognitiva expón mellores resultados en quen toma este antiinflamatorio

É ben sabido que a contaminación do aire, a través das partículas máis finas en suspensión, pode causar problemas de desenvolvemento cognitivo, pero o seu impacto a curto prazo é aínda bastante descoñecido. Co obxectivo de afondar máis nesta posible relación, un equipo de investigadores chineses e estadounidenses acaba de observar, segundo publican na revista Nature Aging, que as persoas que toman antiinflamatorios, como a aspirina, poderían ter protección contra algúns destes efectos a curto prazo da polución.

A investigación analizou a evolución dun grupo de case 1000 homes brancos na área metropolitana de Boston, e atopou que, mesmo inhalando niveis baixos de partículas finas e outras substancias, como o carbón, podían padecer dunha función cognitiva máis deficiente en curto prazo. Pero, para a súa sorpresa, observaron diferenzas significativas en aqueles que consumían normalmente antiinflamatorios non esteroides, como é a aspirina. Estas persoas obtiveron puntuacións significativamente máis altas en probas que miden a memoria, a concentración e a capacidade para seguir instruccións.

“O noso estudo indica que a exposición á contaminación do aire a curto prazo pode estar relacionada con alteracións na función cognitiva, e que os antiinflamatorios poden modificar esta relación”, conclúen os autores.

Correlación ou causa?

Por agora, advirten os científicos, non se puido constatar a causalidade detrás desta relación. O equipo cre que podería gardar relación coa forma na que a aspirina frea a inflamación no cerebro, que pode volverse crónica se a contaminación é alta dabondo. Porén, son só hipóteses, por agora. É pronto para establecer os impactos a curto prazo da contaminación aérea no cerebro, e este traballo deberá ser continuado con ensaios clínicos amplos e axeitados para averiguar a causalidade.

Alén disto, advirten de que o uso da aspirina non vai ser unha solución máxica contra o grave e crecente problema de contaminación que vive o planeta. Lembran os seus efectos adversos, que poden causar, por exemplo, hemorraxias se se consomen durante un longo período de tempo. “Os nosos resultados non suxiren que todas as persoas adultas deban tomar medicamentos antiinflamatorios, porque teñen efectos secundarios que non podemos tomar á lixeira”, declarou a The Guardian Andrea Bacarelli, autor principal do estudo.

Con todo, os investigadores teñen previsto afondar nas razóns desta correlación, xa que os achados poderían ser moi útiles. Algúns estudos previos xa apuntaran que, a longo prazo, a polución do aire pode reducir o volume do cerebro, causando danos semellantes aos do Alzheimer e outros tipos de demencia.

Entre outros resultados, os investigadores expoñen no artigo que as persoas que non tomaban antiinflamatorios e se expuxeron a niveis de contaminación aérea tiñan un 128% máis de posibilidades de obter puntuacións baixas nas probas de detección que se usan para a demencia. Os que tomaban antiinflamatorios tiñan un 44% máis de probabilidades respecto ao resto da poboación durante ese mesmo período.


Referencia: Short-term air pollution, cognitive performance and nonsteroidal anti-inflammatory drug use in the Veterans Affairs Normative Aging Study (Publicado en Nature Aging).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os plásticos dos ríos poden albergar patóxenos e xenes de resistencia aos antibióticos

Un estudo internacional alerta que o material degradado sería o que aloxa maior abundancia de comunidades microbianas

En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

Lego e a toxicidade dos bioplásticos: por que a túa bolsa de compost pode ser unha fraude

Varios estudos conclúen que o plástico de "toda a vida" ten menos contaminantes que as alternativas vendidas como ecolóxicas

A contaminación aumenta o risco de sufrir un ictus a curto prazo

Unha estudo atopa unha forte asociación entre a exposición recente a contaminantes gasosos e o perigo de padecer un accidente cerebrovascular