Xoves 30 Novembro 2023

Por que molestan tanto os ruídos que fai outra xente? Atopan a posible resposta

Un artigo propón unha explicación alternativa ás molestias causadas por ver outras persoas mastigar, respirar ou beber

Non son poucas as persoas que experimentan misofonía; isto é, unha reacción de ansiedade e malestar ao escoitar determinados ruídos que son máis ou menos cotiáns producidos por outras persoas. É unha patoloxía que afecta, nalgunha das súas variantes, a entre un 6 e un 20% da poboación, e que nas formas máis severas pode dificultar as relacións familiares, sociais ou laborais. Pode ser, por exemplo, o feito de escoitar a alguén mastigar, beber ou respirar. É un proceso con implicacións neurolóxicas que un equipo de científicos conseguiu, en parte, desentrañar nunha investigación que publican no Journal of Neuroscience.

Os autores deste artigo expuxeron a hipótese de que o sistema de neuronas-espello relacionado cos movementos orofaciais podería ser a base da misofonía, e para isto analizaron as reaccións de persoas afectadas por este problema. Coas súas análises, confirmaron que esta condición non se debe a abreaccións (descarga de emocións ou afectos ligados a, por exemplo, experiencias traumáticas) senón que é unha manifestación da actividade en partes do sistema motor involucradas na produción destes sons. Apuntan, por tanto, que este novo marco podería explicar as respostas conductuais na misofonía e axudar, por tanto, no deseño de terapias máis efectivas.

A conexión que estudaron os investigadores vai desde a codia auditiva do cerebro ata a codia motora orofacial, que controla o movemento da cara, a boca e a gorxa. Isto ten sentido, din, pois a maioría dos sons que desencadean a misofonía están causados por accións que involucran os músculos do rostro humano, como a mastigación ou a deglutición. E foi en relación a esta conexión como os científicos acadaron os seus avances: postulan que as persoas con misofonía están experimentando, en realidade, unha estimulación da mesma parte da codia motora que está causando o son da outra persoa.

“Os nosos achados indican que nas persoas con misofonía hai unha comunicación anormal entre as rexións do cerebro motor e auditivo”, explica o neurocientífico Sukhbinder Kumar, da Universidade de Newcastle (Reino Unido). É, segundo os autores do artigo, unha “conexión supersensibilizada”. “É a primeira vez que se identifica unha conexión deste tipo no cerebro”, apuntan. Alén disto, conseguiron

Para acadar estes descubrimentos, o equipo analizou resonancias magnéticas de 75 persoas, con e sen misofonía. Tomaron datos con ausencia de ruídos, con sons que activan a misofonía (como a mastigación), outros son desagradables, como berros, e sons neutros como o da chuvia.

“O que nos sorprendeu foi atopar tamén un patrón semellante de comunicación entre as rexións visual e motora, o que reflicte que a misofonía tamén pode producirse cando se desencadea por reaccións visuais”, apunta Kumar. Este achado levou aos investigadores a crer que detrás disto pode estar a activación do chamado ‘sistema de espello’, “que nos axuda a procesar os movementos realizados por outras persoas activando o noso propio cerebro dun xeito semellante, como se estiveramos facendo nós mesmos esa acción”.

Esta idea, engaden os investigadores, está respaldada por unha das formas nas que a misofonía pode controlarse nalgunhas persoas: imitando a acción que crea o son da persoa que está a facer os ruídos e, deste xeito, ‘recuperando o control’.

No referente á mellora nas terapias, o neurólogo Tim Griffiths, da Universidade De Newcastle, apunta: “O estudo achega novas formas de pensar en tratamentos para a misofonía; no canto de centrarse nos ‘centros’ do son no cerebro, como fan moitas terapias, os tratamentos deberían considerar tamén as áreas motoras”.


Referencia: The motor basis for misophonia (Publicado en Journal of Neuroscience).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descubrindo o sorprendente cerebro do polbo: analizan o seu xenoma a escala cromosómica

Un estudo internacional axuda a caracterizar a diversidade celular do cerebro en desenvolvemento, a súa evolución nos cefalópodos e o repertorio de ARN non codificante propio destes animais

A galega que deseñou un sistema para predicir xaquecas: “Temos unha taxa de éxito do 75%”

A neuróloga galega Ana Gago acaba de recibir o premio Cefaleas por un dispositivo capaz de predicir unha crise con 30 minutos de antelación

Así afectan os microplásticos ao cerebro

As diminutas partículas de plástico presentes nos alimentos poden atravesar a barreira que protexe as nosas neuronas

Pódese transplantar o cerebro?

Considerado “o obxecto máis complexo do universo”, este órgano establece millóns de conexións que controlan todas as funcións do noso corpo