Os galegos non están satisfeitos coa vida que levan. Semella difícil de comprender no país das mil festas, unha por cada torreiro e aldea. Pero así o revela un estudo publicado agora pola Fundación BBVA, que tenta coñecer o grao de satisfación dos cidadáns de cada comunidade. Titulado “As facetas do benestar: unha aproximación multidimensional á calidade de vida”, o estudo abrangue o período entre 2006 e 2015 e amosa uns resultados que presentan aos galegos como os máis pesimistas sobre a súa realidade.
Este dossier, que mide o impacto negativo que ten a crise económica no benestar, destaca que Galicia é a comunidade autónoma menos satisfeita coa vida, cunha puntuación de 6,1 sobre 10. Mentres Baleares ou Navarra son as mellor posicionadas no ranking por comunidades, con 7,3 e 7,2 respectivamente.
En datos xerais, este monográfico sinala que as comunidades autónomas que presentan mellores niveis de benestar son País Vasco, A Rioxa, Navarra e Madrid. Galicia, pola contra, ocupa o furgón de cola.
[box size=”large”]Galicia é a menos satisfeita coa vida, cunha puntuación de 6,1 sobre 10[/box]
Algúns aspectos subxectivos analizados en relación co benestar mostran que os habitantes de Galicia son os menos satisfeitos con outros ámbitos máis persoais. Respecto da calidade das relacións persoais, Galicia é a menos satisfeita con 7,2 puntos, mentres Aragón ou illas Baleares son as máis satisfeitas con oito puntos cada unha.
En canto á percepción que ten a poboación da súa propia saúde, os galegos son así mesmo os menos satisfeitos. Os datos sobre a porcentaxe de poboación de 16 e máis anos que declara ter un estado de saúde bo ou moi bo apuntan que Galicia sitúase un 15% por baixo da media estatal.
O informe, no que tamén colaborou o Ivie (Instituto Valenciano de Investigacións Económicas), determina que os galegos presentan unha taxa de paro de longa duración menor e un abandono educativo temperán máis baixo que a media española, dous indicadores obxectivos nos que sae beneficiada. Pero, cando se lles pregunta aos galegos, os resultados son peores.
O estudo revela que a crise económica tivo un impacto negativo sobre gran parte das variables relacionadas co benestar: actualmente España sitúase por baixo da media da OCDE en renda, emprego, vivenda, educación e satisfacción coa vida. Con todo, nas variables relacionadas coa saúde, a seguridade e as relacións sociais os datos de España superan a media.