Os traballadores do SASH, unha clínica veterinaria de Sydney (Australia) especializada en pequenos animais, difundiron nas redes un sorprendente vídeo no que se ve como extraen dunha serpe pitón de tres metros de lonxitude unha toalla de praia.
As imaxes comezaron a percorrer as redes polo curioso que resulta o caso. “Vemos todo tipo de casos interesantes, pero non todos os días é algo tan extraordinario coma isto”, comentaron desde o SASH. A serpe, que vivía en catividade, foi levada á clínica pola súa propietaria, que viu como o animal engulía a toalla.
Para extraer a peza, o equipo veterinario anestesiou ao animal e incluíron unha cámara na ferramenta coa que sacaron a toalla para localizala no interior do corpo. Aquí podes ver a secuencia completa.