Algunha vez te preguntaches cal era a posición xeográfica da túa cidade ou vila hai millóns de anos atrás? Agora podes descubrilo. Unha aplicación interactiva deseñada por Ian Webster permite ao usuario facerse unha idea de como estaba composto o globo terráqueo e como foi evolucionando dende hai 750 millóns de anos —período crioxénico— ata hai 20 millóns, no período neoxeno, no que xorden os primeiros homínidos en África.
O mapa interactivo está feito a partir dos mapas paleontográficos do xeólogo e paleoxeógrafo estadounidense Christopher Scotese, creador do Proxecto PALEOMAP, cuxo obxectivo era ilustrar o desenvolvemento das placas tectónicas das concas oceánicas e os continentes, así como a distribución cambiante da terra e o mar durante os últimos millóns de anos.
Fácil funcionamento
A aplicación Ancient Earth é fácil de usar e moi intuitiva. O único que hai que facer é escribir no buscador o nome da cidade que se quere localizar e logo pódese xogar coa temporalidade de dúas maneiras: ou escollendo directamente os millóns de anos que se quere ir atrás no tempo, ou ben seleccionando un feito concreto —por exemplo, os primeiros insectos, a extinción dos dinosaurios ou as primeiras flores— que a páxina sitúa nun período determinado.
O único que hai que facer é escribir no buscador o nome da cidade que se quere localizar e logo pódese xogar coa temporalidade
Ademais de situar no mapa a cidade que se queira, a aplicación ofrece información sobre o intervalo de tempo seleccionado. Por exemplo, se nos remontamos a hai 170 millóns de anos, durante o período xurásico, “os dinosaurios prosperaron e os primeiros mamíferos e aves evolucionaron. A vida oceánica diversificouse e a Terra era moi cálida”. Se en cambio buscamos os primeiros arrecifes de coral, o mapa remóntase a hai 470 millóns de anos atrás, ao período ordovícico, “no cal os mares son diversos e xorden os primeiros arrecifes de coral. As algas son as únicas plantas multicelulares e aínda non hai vida complexa na terra”.

Información sobre fósiles
A aplicación tamén indica os fósiles de dinosaurios atopados nas inmediacións da cidade escollida durante o período seleccionado. Se pulsas sobre o seu nome, accédese a unha descrición completa na base de datos de Dinosaur Pictures, que inclúe datos, imaxes e información de interese —como papers—. Por exemplo, en Pontevedra hai 150 millóns de anos, no xurásico tardío, os fósiles máis próximos foron os do Dacentrurus, os do Torvosaurus e do Lourinhasaurus. Non obstante, para ese mesmo período, na zona da Coruña foron de Arcovenator, de Rhabdodon e de Euronychodon.
Outra das posibilidades que ofrece esta funcionalidade é comprobar os cambios que houbo nos fósiles achados dunha mesma cidade nos diferentes períodos. Por exemplo, en Vigo hai 20 millóns de anos había de Dacentrurus, Torvosaurus, Lourinhasaurus; hai 300 millóns Arcovenator, Rhabdodon, Euronychodon e hai 600 millóns outra vez Dacentrurus, Torvosaurus, Lourinhasaurus.