A hemeroteca amosa un fenómeno que se vincula normalmente a imaxes de virxes e cristos: estes empezan a chorar sangue, como antesala dalgunha posible milagre ou acontecemento excepcional. Moitas veces, alén da explicación milagreira, adoita haber estratexias de márketing e outro tipo de intereses, pero teñen a súa base real nunha patoloxía que ás veces xorde. Chámase hemolacria, e refírese a unha condición clínica coñecida desde hai moito polos profesionais oftalmolóxicos, debida a diversas causas, como traumatismos, tumores, doenzas vasculares ou episodios de inflamación (conxuntivite). O asunto volveu a actualidade nos últimos días despois de que o British Medical Journal Reports publicara un novo caso rexistrado na India, onde unha nena de 11 anos acudiu coa súa nai a un centro médico despois dunha semana con lágrimas tinguidas de sangue.
Tal e como se lembra no artigo publicado recentemente, os primeiros casos de hemolacria describiunos Aecio de Amida, un erudito bizantino que viviu entre os séculos V e VI. Pero ata o de agora, a ciencia non atopou aínda unha explicación clara ao respecto. No caso recente da nena da India, os médicos analizaron diversos factores para encontrar posibles explicacións, pero non atoparon antecedentes de traumatismos os enfermidades, nin danos nas glándulas lacrimais. Nalgunhas ocasións, apuntouse cara posibles cambios hormonais, como os vinculados á menstruación, para explicar nalgúns casos estes fenómenos. Pero o certo é que a hemolacria aparece tamén noutros rangos de idade e sexo, como é o caso dun home italiano cuxo caso foi descrito en 2018 no New England Journal of Medicine, no que se atopou un hemanxioma (tumor benigno) como causa da sangue que brotaba dos seus ollos (ADVERTENCIA: as imaxes poden ser desagradables).
Tamén hai dous anos, en Cuba describiuse outro caso dunha moza de 16 anos que manifestaba hemolacria e hemorraxias nasais que era “o primeiro caso pediátrico” reportado no país. Aínda que non se atopou a causa certa, apuntouse ao feito de que a moza padecía sida desde os 13 anos.
Entre outros factores tamén se expuxo a posibilidade de que a hemofilia ou a síndrome de Osler-Weber-Rendu, que provoca unha alteración dos vasos sanguíneos, estean detrás dunha condición que deu moito que falar ao longo da historia e que, como tantas outras, só atopaba a súa explicación no mundo divino.
Referencias:
– Hemolacria — Crying Blood (The New England Journal of Medicine).
– Un caso pediátrico de hemolacria (Revista Cubana de Pediatría).