O aspecto do cabelo, a barba e as cellas depende de factores xenéticos que ata agora non estaban ben definidos. Agora, a análise do xenoma de 6.000 persoas de Latinoamérica, cunha rica diversidade xenética, permitiu identificar dez variacións no seu ADN que inflúen na forma, densidade e cor do pelo. Entre elas, acharon o primeiro xene responsable das canas e o culpable de que ambas as cellas estean unidas.
Poucos estudos profundaron na base xenética que explica a gran diversidade das características do pelo. Ata agora, os científicos identificaran o patrón da calvicie, a cor do cabelo e o aspecto rizado do pelo en mostras ancestrais de Europa e do leste de Asia.
Agora, un equipo internacional de científicos, con participación da Universidade de Oviedo, descubriu dez variantes xenéticas que inflúen na aparencia do cabelo humano. O estudo, publicado hoxe en Nature Communications, permitiu analizar unha mostra de 6.357 voluntarios de cinco países de Sudamérica (Brasil, Colombia, Chile, México e Perú) con diferente composición xenética ancestral europea (48%), nativos americanos (46%) e africana (6%). O obxectivo foi identificar xenes asociados coas canas, a cor, a densidade e a forma do cabelo (liso ou rizado).
[box size=”large”]O descubrimento abre a porta a tratamentos que eliminen as canas[/box]
Os científicos destacan o achado do primeiro xene asociado ao encanecemento, o que confirma que este trazo ten un compoñente xenético e non se debe só ao medio ambiente. O xene IRF4 era coñecido por desempeñar un papel importante na determinación da cor do cabelo, pero tamén está relacionado coas canas.
“Xa se coñecían varios xenes implicados na calvicie e a cor do cabelo, pero esta é a primeira vez que se identifica un xene asociado ao cabelo branco dos humanos, así como outros asociados á forma e densidade”, declara o autor principal do traballo, Kaustubh Adhikari, do departamento de Bioloxía Celular e do Desenvolvemento do University College de Londres (Reino Unido).
O xene IRF4 encárgase de regular a produción e o almacenamento de melanina, o pigmento que determina a cor do cabelo, a pel e os ollos. As canas son causadas, precisamente, pola ausencia de melanina no pelo.
“Podería ser importante para o desenvolvemento de tratamentos que atrasen a aparición das canas”, explica Andrés Ruiz-Linares, outro dos investigadores. Os científicos descubriron ademais outro xene chamado PRSS53 que inflúe na forma do cabelo. O equipo de investigación atopou tamén xenes que controlan o grosor e a forma do pelo da barba, outros que están relacionados co grosor das cellas e o da prevalencia da unión de ambas as cellas.
Podes atopar o artigo
na revista Nature Communications