“Detrás dunha imaxe inocente pódense intercambiar ficheiros de pornografía infantil”, apunta David Vázquez, integrante do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo (UVigo). A palabra que resume a súa explicación é esteganografía; un termo moi específico que designa un proceso de ocultación de información en contidos multimedia. Adoitan usalo criminais e terroristas na rede, de maneira que a súa mensaxe pasa completamente desapercibida. Co obxectivo de mellorar a detección destas comunicacións ocultas e, polo tanto, de loitar contra o cibercime, naceu Uncover. Trátase dun proxecto europeo no que participa atlanTTIC e que, esta semana, celebrou a súa reunión anual en Vigo.
As conclusións do encontro non transcenderon debido ás estritas medidas de seguridade. No proxecto colaboran 22 socios, incluídos forzas e corpos de seguridade do estado de varios países europeos. Polo tanto, a información que barallan é confidencial. O único que poden confirmar é que “xa se fixeron avances”. Así o corrobora Vázquez, un dos investigadores de atlanTTic que forman parte do proxecto. “Estamos en contacto con policías, institutos forenses e outro tipo de institucións. Eles explícannos que necesitan e iso permítenos ir avanzando para, polo menos, mellorar as ferramentas que había ata agora”, engade Vázquez.
Comunicacións moi difíciles de detectar
O certo é que este tipo de comunicacións son moi difíciles de detectar. “Sabemos que a esteganografía se está a usar, pero descoñecemos o seu alcance“, explica Vázquez, quen confirma que o incremento dos cibercrimes foi unha das motivacións para o impulso de Uncover. Polo tanto, arredor desta técnica hai moito descoñecemento e é preciso desenvolver ferramentas máis precisas e máis sensibles. Aínda que xa había algúns modelos desenvolvidos dende a academia, na práctica non funcionaban. “Cando traballas en condicións de laboratorio, cunhas imaxes moi controladas, xeras moito coñecemento. Fixéronse prácticas reais, pero non funcionaban”, debulla Vázquez.
“As ferramentas creadas en laboratorio non funcionaban na práctica real”
Polo tanto, un dos principais obxectivos de Uncover é mellorar as ferramentas actuais, tratar de que se adaptan á “vida real” e que non só funcionen nas contornas académicas. E non só iso, a maneira de xerar este tipo de modelos tamén está a cambiar. “Hai uns vinte anos ou máis optábase por unha análise estatística. Modelábase e tratábase de determinar se esa imaxe seguía unha distribución normal ou tiña mensaxes ocultas. Iso era o que se facía ata a irrumción da intelixencia artificial e as redes neuronais profundas. Estamos indo por aí e os resultados son moito mellores”, explica Vázquez.
Mensaxes imperceptibles
De momento, os participantes en Uncover só confirman avances. A súa ferramenta, unha vez rematada, sería para empregar por parte de corpos policiais e outro tipo de institucións para loitar contra o cibercrime. “Os criminais son capaces de esconder información dentro de contidos multimedia que non é perceptible. Ti non ves nada raro na imaxe, nin sequera descargándoa”, apunta o investigador de atlanTTic. É dicir, o noso sistema de visión non ten a sensibilidade suficiente como para percibir ningún trazo. Polo tanto, podemos estar a ver contido multimedia que semella inocuo cando, en realidade, se poden estar a producir este tipo de intercambios de información.
O proxecto, que arrancou en maio de 2021, aínda ten preto de dous anos para seguir avanzando nos seus obxectivos. A esteganografía é tan difícil de detectar que tampouco se sabe a ciencia certa en que tipo de delitos se puido empregar esta técnica. “Houbo noticias que confirmaron o seu uso por parte de grupos terroristas pero, ao pouco, recoñecían que non estaba 100% contrastado”, recoñece Vázquez. O investigador de atlanTTic demostra, así, a importancia de desenvolver ferramentas realmente útiles posto que, na actualidade, non hai medios que permitan aseverar que se produciron intercambios ocultos de información.
Contribución viguesa
A contribución da UVigo a Uncover céntrase, sobre todo, na análise forense. “Dada unha imaxe, podemos facer unha descrición pericial para saber se vén dunha rede social, dunha cámara reflex… Levamos moitos anos traballando niso, en describir as diferentes etapas polas que pasa unha imaxe”, sinala o investigador. Así, atlanTTic é o único representante universitario español neste proxecto, formado por 22 socios de nove países. Ademais, Uncover está financiado a través do programa Horizonte 2020 cun orzamento de 7 millóns de euros.
AtlanTTic é o único representante universitario español neste proxecto
Por outra banda, atlanTTic xa ten experiencia neste ámbito e Uncover non é o único proxecto destas características no que participou o equipo de investigación da UVigo. En 2012 participaron noutro proxecto europeo centrado na análise forense, onde comezaran a determinar ata que punto as imaxes estaban manipuladas e de onde procedían. De maneira máis recente, formaron parte dun proxecto de transferencia cuxo principal obxectivo era comercializar unha nova tecnoloxía. De aí naceu Fawrensian, unha ferramenta deseñada para loitar contra o ciberfraude que é capaz de verificar un millón de arquivos ao día e de detectar falsificacións. Agora haberá que esperar que os resultados de Uncover sexan tan —ou incluso máis— prometedores