Martes 28 Novembro 2023

A galega Qubiotech, premio europeo á mellor tecnoloxía médica

A empresa recibiu o galardón do xurado no programa Health Venture Lab polo software para a análise de neuroimaxes en doenzas neurodexenerativas

A empresa biotecnolóxica Qubiotech, nacida hai case seis anos ao abeiro do Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS) de Santiago, e con base na Coruña, foi galardoada recentemente co premio do xurado do Programa Europeo Health Venture Lab 2020, patrocinado por General Electric Healthcare, como mellor proposta para os profesionais médicos entre os últimos avances mostrados por 20 empresas de 16 países europeos.

A compañía desenvolveu un software de análise de neuroimaxes chamado Neurocloud, que facilita a detección e seguimento de enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer, o Parkinson, a esclerose múltiple ou a epilepsia, que actualmente afectan a máis de 1.400.000 persoas en España, sumando máis de 70.000 novos casos ao ano e cunha expectativa de triplicar o número de diagnósticos positivos en 2050, segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía.

A terceira edición do programa europeo Health Venture Lab, no que General Electric Heathcare trata de apoiar a equipos con desenvolvementos en campos como a imaxe médica, a intelixencia artificial ou o big data, finalizou tras 3 meses de traballo. Nesta edición chegaron á fase final 20 empresas de 16 países europeos. O xurado do programa seleccionou a Qubiotech como o mellor proxecto presentado, outorgándolle o Premio do Xurado, que se anunciou o pasado 19 de novembro.

O software Neurocloud de Qubiotech, desenvolvido por investigadores do IDIS, é capaz de analizar imaxes do cerebro do paciente e detectar anomalías que se escapan ao ollo
humano, de tal maneira que indica ao médico en que zonas do cerebro debería prestar especial atención, dando resultados precisos en tan só cinco minutos e de forma automática. Isto permite axudar a detectar patoloxías en estadios temperáns (cando máis difíciles de detectar son) e reducir falsos negativos.

Qubiotech: neurotecnoloxía ao servizo do paciente

Segundo destaca a compañía, estas tecnoloxías poñen Galicia e España “á cabeza da aplicación dos últimos desenvolvementos en medicina”, que “serán claves na próxima década para a detección e tratamento temperán destas enfermidades neurodexenerativas, especialmente nunha poboación cada vez máis envellecida”.

Na actualidade a tecnoloxía Neurocloud de Qubiotech xa se está utilizando en numerosos hospitais de España e Portugal, mellorando a sustentabilidade do sistema de saúde e diminuíndo repeticións de probas en casos dubidosos.

Non é a primeira vez que Qubiotech é galardoada polos seus desenvolvementos no campo da práctica clínica de análise de neuroimaxes, xa que en 2018 recibiu o galardón EmprendedorXXI, o Telefónica-Galicia Open Future de 2016, o Premio de Transferencia de Tecnoloxía 2015 da Real Academia Galega de Ciencias, ou o de Mellor Compañía Xoven da USC, tamén en 2015.

“Este recoñecemento internacional por parte dun dos líderes tecnolóxicos do sector médico confirma a boa dirección do noso proxecto e cremos que nos fortalecerá para seguir desenvolvendo a nosa carteira de I+D, apoiando a nosa expansión comercial en España e en terceiros países e reforzar así o equipo humano da compañía”, comenta Daniel Fernández, CEO de Qubiotech.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos buscan biomarcadores para a detección precoz do párkinson

Un foro reúne en Santiago a centros de investigación e asociacións para abordar os avances no estudo das enfermidades neurodexenerativas

Un equipo galego identifica un novo biomarcador da depresión

O estudo pioneiro do IDIS postula a posibilidade de diagnosticar patoloxías psiquiátricas como a esquizofrenia a través dos niveis da hormona IGF-2

O IDIS crea unha intelixencia artificial para predicir o risco de síndromes mielodisplásicas

A ferramenta analiza datos de pacientes de 90 hospitais españois para lograr un prognóstico preciso e seleccionar o tratamento axeitado a cada paciente

Identificadas 51 rexións xenómicas responsables da severidade da covid

O catedrático da USC Ángel Carracedo participa na actualización do mapa xenético do SARS-CoV-2, que engade 28 rexións ás detectadas en 2021