Cada día miles de persoas propóñense deixar de fumar. O camiño que queda por diante non é fácil, non en balde a OMS define o tabaquismo como “unha enfermidade adictiva crónica que evoluciona con recaídas”. Para axudarlles a encarar con éxito o reto, Sanidade ven de incorporar á súa carteira de servizos un novo medicamento, o Recigarum, o segundo aprobado este ano para deixar de fumar após do Todacitán.
Os dous fármacos teñen o mesmo principio activo -Citisiniclina ou Citisina- , polo que en realidade son dúas marcas comerciais dun mesmo medicamento, aclara Mónica Pérez Ríos, do grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Servizos de Saúde (ESPASS) e profesora da Universidade de Santiago (USC), quen explica que estes medicamentos diferéncianse doutros cofinanciados polo sistema público de saúde “pola súa pauta de consumo, que é máis breve (25 días) fronte aos 2-3 meses nos outros casos”.
Este tratamento está indicado tan só para persoas que teñen unha alta dependencia física da nicotina, non para todos os fumadores, e debe ir sempre acompañado de terapia para combater a dependencia psicolóxica. “Se non hai cambios na conduta do fumador, a posibilidade de recaída ao finalizar o tratamento farmacolóxico é alta” engade a investigadora da USC.
A citisiniclina ou citisina é un agonista parcial dos receptores nicotínicos que existen a nivel cerebral, polo que provocan un efecto similar ao da nicotina pero menos intenso. Axuda a reducir os síntomas da abstinencia. Distintos estudos clínicos sitúan a súa eficacia para deixar de fumar entre o 10 e o 30%.
O consumo de tabaco é un dos principais factores de risco de enfermidades cardiovasculares e respiratorias e tamén para o desenvolvemento do cancro de pulmón, a primeira causa de morte por cancro en Galicia e España e doutra ducia de tumores. Só na nosa comunidade autónoma producíronse en 2020 – último ano contabilizado no Rexistro Galego de Tumores (Regat) 1.540 falecementos por cancro de pulmón.
Prevalencia
Son datos estremecedores e coñecidos pero que non impiden que o consumo de tabaco se manteña como a segunda substancia psicoaditiva máis consumida en todo o Estado tras o alcol, entre a poboación de 14 a 65 anos, tal como recolle o Informe 2023: Alcol, tabaco e drogas ilegais do Plan Nacional sobre Drogas. En Galicia a idade media de iniciación no consumo de tabaco é de 14 anos e a de adquisición de consumo de tabaco diario aos 14,7, como recolle a enquisa sobre uso de drogas en ensinos secundarios (EDADES).
Conforme os datos da última Enquisa Nacional de Saúde en España (ENSE), a prevalencia de fumadores en Galicia en 2020 foi do 20,1%, por tanto “en Galicia había 540.363 persoas fumadoras, a maioría homes” cuantifica Mónica Pérez Ríos, quen estuda man a man con Agustín Montero e Julia Rey os efectos do consumo de tabaco na saúde.
Unha análise máis polo miúdo permite constatar unha evolución na prevalencia de consumo de tabaco en Galicia diferente en función do xénero. Así tal como sinalan os tres investigadores e profesores da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, se falamos de homes -e sempre tomando como referencia os datos da ENSE- a prevalencia é descendente: pasou do 55,4% en 1987 ao 23,7% no ano 2020.
Pero se poñemos o foco nas mulleres, a prevalencia seguiu unha liña ascendente entre 1987 e 1995 e a partir de aí, outra descendente ata o 2020, de tal modo que a prevalencia de fumadoras pasou desde un 17,2% en 1987 a un 16,7% en 2020.
Seis de cada dez consumidores de tabaco a diario, de entre 15 e 64 anos – o 64,2%, segundo o Informe 2023 Alcol, tabaco e drogas ilegais– propuxéronse deixar de fumar, aínda que só menos da metade o tentou.
Saúde e aforro
Os que deciden dar un paso adiante para deixar de fumar esgrimen múltiples razóns para facelo pero, como apunta Pérez Ríos, dous son os argumentos máis repetidos: a aparición de problemas (preocupantes) de saúde e o aforro económico.
En Galicia os consumidores de tabaco que queren converterse en ex-fumadores atopan apoio profesional no médico de familia ou en programas de axuda testados en ong como a Asociación Española contra o Cancro ou Cruz Vermella.