Tan só hai unha semana que a medicina fixo historia. Un equipo de médicos estadounidenses conseguían transplantar un corazón de porco a un humano sen que se producira un rexeitamento inmediato do órgano. Agora, un estudo publicado na revista American Journal of Transplantation revela outra fazaña: o transplante de dous riles de porco modificados xeneticamente a un humano. Neste caso, un paciente en morte cerebral. A investigación levouse a cabo na facultade de Medicina da Universidade de Alabama, en Estados Unidos.
Os dous órganos transplantados conseguiron manterse durante 77 horas funcionando con normalidade. É dicir, filtrando sangue e producindo ouriños. Polo tanto, non foron rexeitados de maneira inmediata, senón que funcionaron ata que se deu por rematado o estudo. O transplante realizouse nun paciente en morte cerebral o que, segundo a cirurxiá Jayme Locke, “permite avaliar a seguridade e a viabilidade do modelo” sen que exista un risco para o humano vivo.
Proceso semellante ás doazóns entre humanos
Para poder levar a cabo a operación, os órganos foron modificados xeneticamente para evitar un rexeitamento inmediato. Os riles, despois de ser extirpados do porco, seguiron o mesmo procedemento que calquera outro órgano humano. Antes de realizar a operación, o animal doante e o paciente sometéronse a unha proba de compatibilidade de tecidos. Despois, os órganos transplantados colocáronse na posición anatómica exacta dos riles humanos, coas mesmas unións de veas e arterias.
Segundo indicaron dende o portal ScienceAlert, o equipo modificou xeneticamente os órganos para que o corpo do paciente non identificase “invasores estraños”. De igual maneira que se fixo para previr coágulos de sangue e outras reaccións inmunitarias. Con todo, este non é o único xenotransplante que se realizou nos últimos meses. O primeiro foi en outubro de 2021, cando se transplantou por primeira vez un ril de porco a un humano. O último hai tan só unha semana, sendo de corazón. O principal obxectivo deste tipo de estudos é tratar de achar unha solución fronte á escaseza de órganos.
“Hai moitísima incerteza co transplante de corazón de porco en pacientes a longo prazo”