O grupo de Radón da Universidade de Santiago de Compostela acaba de publicar un artigo na revista European Respiratory Journal no que se asocia por primeira vez a concentración de radón residencial e a exposición a tabaquismo pasivo co risco de cancro de pulmón. O estudo (ao que acompaña un editorial) realizouse en sete hospitais galegos e un de Asturias, incluíndo máis de 500 suxeitos.
Ademais de observar un efecto significativo do radón para o cancro de pulmón en nunca fumadores –ata agora os estudos se fixeran sobre suxeitos fumadores–, os investigadores observaron que a exposición a fume ambiental de tabaco aumenta aínda máis o risco dese cancro debido á exposición a radón residencial. Así mesmo, “observamos que as mulleres teñen máis risco de cancro pulmonar que os varóns para unha mesma exposición a radón”, explica Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e responsable da investigación.
[box size=”large”]As mulleres teñen máis risco de cancro pulmonar que os varóns para a mesma exposición[/box]
O radón é un carcinóxeno humano recoñecido pola Organización Mundial da Saúde que se acumula de maneira natural no interior dos domicilios e ambientes interiores (tamén en lugares de traballo) e que é a primeira causa de cancro de pulmón en suxeitos nunca fumadores e o segundo factor de risco desta enfermidade nos que si fuman.
A publicación European Respiratory Journalm, a revista oficial da European Respiratory Society e unha das máis prestixiosas do mundo no seu ámbito, deriva do estudo LCRINS (Lung Cancer Risk in Never Smokers), financiado pola Xunta de Galicia en 2010, e no que participan neumólogos de tres comunidades autónomas e nove hospitais.
O estudo enmárcase dentro dunha potente liña de investigación na que se analiza o efecto do radón residencial sobre a patoloxía respiratoria. Outro traballo do mesmo grupo, publicado en agosto no Journal of Thoracic Oncology (revista tamén situada entre as primeiras de patoloxía respiratoria), encontraba asociación entre o radón residencial e certos xenes implicados no metabolismo de axentes carcinoxénicos.
[box size=”large”]A investigación realizouse con más de 500 pacientes de sete hospitales galegos e un de Asturias[/box]
Pola súa parte, o Laboratorio de Radón de Galicia que dirixe o profesor da USC Barros Dios está executando outra investigación multicéntrica denominada DNA-Repair, financiada con máis de 120.000 euros do Fondo de Investigacións Sanitarias.
Este laboratorio pertence ao grupo de Investigación en Epidemioloxía e Saúde Pública da USC, que á súa vez forma parte do Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS) e do CIBERESP, organismo de investigación en rede financiado polo Instituto de Salud Carlos III que inclúe os grupos máis competitivos de España neste ámbito. O equipo é ademais Grupo de Investigación de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia.
O Laboratorio de Radón de Galicia mediu a concentración de radón en máis de 3.500 domicilios galegos e en lugares de traballo, fundamentalmente de administracións públicas, para logo elaborar mapas que son de acceso público na red.