Martes 28 Novembro 2023

Galicia premiada pola Comisión Europea grazas ao traballo co envellecemento activo e saudable

O Sergas e Acis reciben en Dinamarca senllos galardóns europeos

Galicia ven de ser recoñecida como “Reference Site” pola Comisión Europea coa máxima categoría posible (catro estrelas) grazas as diversas iniciativas e traballos realizados na aposta polo envellecemento activo e saudable. A distinción foi recollida este mércores en Aarhus (Dinamarca) pola directora de Acis (Axencia de Coñecemento en Saúde), Beatriz Allegue, nun acto realizado no marco da iniciativa estratéxica EIP on AHA (European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing).

O traballo realizado en Galicia neste ámbito ven de lonxe  e así o acredita o feito de que xa contaba con tres estrelas dende 2016. Agora alcanzou a  máxima distinción xunto a outras rexións europeas. Os Reference Site distinguen a aquelas rexións ou organización locais que destacan por ofrecer exemplos concretos de servizos innovadores, cun valor engadido, para os cidadáns e os sistemas de referencia nas rexións da UE.

Logotipo da distinción concedida a Galicia

Para o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, esta distinción supón un recoñecemento ao esforzo e aposta que está a facer Galicia pola innovación en Saúde e concretamente no ámbito do envellecemento activo e saudable,  un dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente da Xunta.

“A concesión desta cuarta estrela significa que Galicia, e en concreto o seu Sistema Público de Saúde, vai polo bo camiño no desenvolvemento e adopción de prácticas innovadoras que fan mellorar a calidade do noso sistema sanitario e a saúde da poboación”, sinala o conselleiro.

Coa entrega desta distinción, a Comisión Europea sinala que rexións como Galicia demostraron a súa evolución e a existencia de estratexias integrais para un envellecemento activo e saudable, baseado nun modelo de “cuádruplo hélice” que inclúe á industria, á sociedade, ás institucións académicas e ás gobernamentais no ámbito rexional e local.

Para garantir a máxima transparencia, a candidatura é avaliada en primeiro lugar por tres rexións candidatas de xeito aleatorio e, posteriormente, a Comisión Europea atribúe as estrelas en función dos resultados da citada evaluación. A candidatura debe de cumprir criterios esenciais como a participación nas actividades organizadas pola EIP on AHA e demostrar a efectiva implementación do modelo do cuádruplo hélice na rexión.

Neste sentido, Beatriz Allegue, xerente de Acis, explica que o Sergas leva moitos anos apostando pola innovación no ámbito sanitario e que a propia creación de Acis en 2016 vai na liña de dinamizar a innovación e apostar polo modelo de cuádruplo hélice. “Nos últimos anos déronse pasos relacionados coa transformación dixital da Sanidade, pero tamén foise xerando unha cultura de apostar pola innovación dentro do propio sistema por parte de todos os profesionais sanitarios”, sinala Allegue.

“Temos o obxectivo prioritario de integrar aos pacientes como centro de todas as decisións no sistema de saúde”, sinala Beatriz Allegue

Cara ao futuro, a xerente de Acis insiste en que esta entidade e o Sergas seguirán a potenciar a máxima colaboración entre tódolos axentes do ecosistema da saúde, pero ademais con obxectivo prioritario de “integrar e dar maior participación aos pacientes como centro de todas as decisións”. Para elo, apunta a ferramentas como a plataforma de innovación, a contratación pública innovadora e o modelo do Living Lab, que o Sergas seguirá potenciando nos próximos anos.

A candidatura galega incluía iniciativas como a Historia Clínica Electrónica (HCEPRO) do Sergas, a plataforma HEXIN de información e xestión de datos clínicos e epidemiolóxicos, o sistema avanzado de xestión cirúrxica SAVAQ, e o sistema SIGUR para a xestión intelixente das urxencias hospitalarias e os PAC.

Birgit Morlion (dereita) entrega a distinción á xerente de Acis, Beatriz Allegue

A Comisión Europea tamén valorou iniciativas como a compra pública innovadora a través do programa Código 100 e a participación en proxectos europeos liderados polo Sergas e Acis que conectan o sistema galego coas oportunidades e sinerxías abertas no ámbito internacional. Deste xeito Galicia obtén o máximo recoñecemento europeo para unha área da sanidade que é fundamental na nosa comunidade pola elevada idade media da súa poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Sergas desenvolve un sistema de formación para profesionais que funciona como Netflix

A Plataforma Share xa está a funcionar en modo piloto, aspira a ordenar e clasificar o coñecemento sanitario e recomendar cursos á carta

O Sergas aposta por un plan de innovación para mudar o paradigma da atención sanitaria

O proxecto aplica a medicina 5P baseada no desenvolvemento de novas terapias e medicamentos para unha atención personalizada

Os investigadores das fundacións sanitarias pasarán ao sector público en 2023

A medida, que se incorporará á Lei de Acompañamento aos Orzamentos, dará estabilidade a persoal de IDIS, INIBIC e Fundación Biomédica Galicia Sur

A Xunta apoia cun vídeo a candidatura de Ángel Carracedo ao Premio Princesa de Asturias

O audiovisual de ACIS explica o proceso que levou ao investigador a converterse nunha destacada figura da Medicina Forense mundial