Un smartphone, moitos seguidores e poucas precaucións poden xerar moitos problemas. Algunhas actitudes mesmo poden chegar a poñer en perigo a saúde, como é o caso do predicamento que acadan algunhas pseudoterapias e pseudociencias ou determinadas ‘dietas milagre‘ que, en realidade, poden xerar máis problemas que solucións para o organismo. O último destes casos foi o do futbolista do Celta de Vigo Pione Sisto, que nas últimas semanas compartiu nas redes sociais un desafío chamado “Fruit Fast” no que, alimentándose só de froitas, dicía estar purificando e limpando o organismo.
Pero Pione Sisto tivo que deixalo cando levaba xa máis de 20 días seguindo este perigoso desafío. “Volveuse demasiado intenso”, confesou o futbolista nun vídeo publicado nas redes o pasado martes. Explicaba que “estaba empezando a mergullarme moito no meu subconsciente”, afirma Sisto.
“É posible que pase isto”, afirma Manuel Portela, experto en nutrición, doutorando nesta materia pola UVigo e a USC e nutricionista de Charro Salud. “O corpo envía sinais para advertir de que lle faltan nutrientes; e poden ser sinais en forma de astenia ou de calafríos, pero tamén en forma de desacougo mental”, expón Portela.
Unha dieta “desequilibrada e restritiva”
Comer só froita priva ao organismo de numerosos nutrientes esenciais, “algo que é máis perigoso no caso dunha persoa que practica deporte” como Pione Sisto. “Precísase ferro, para levar o osíxeno ás células, e a froita non o achega”. Alén disto, tampouco se reciben oligoelementos, proteínas e graxas, igualmente necesarias para o funcionamento normal do corpo, segundo explica Manuel Portela.
No caso concreto dos deportistas, “o déficit de proteínas empeora o funcionamento muscular; a falta de ácidos graxos esenciais e omega 3 é crítica para as membranas celulares; e as carencias de vitaminas como B12, B6, D ou a creatina tamén afectan ao rendemento deportivo en gran medida”.
E os problemas non acaban aquí: “En persoas que practican deporte precísanse un mínimo de 3.500 quilocalorías para cubrir as necesidades, e habería que comer moita froita para chegar a elas”. Este exceso de froitas e, por tanto, de fructosa, produce unha achega maior de hidratos de carbono do que precisa o corpo. Ao tempo, segundo expón este investigador, a fibra da froita produce “un exceso de deposicións, mesmo con diarrea, e por tanto, unha perda maior de líquidos“. As persoas con risco de diabetes tamén poderían padecer complicacións, xa que o exceso de fructosa causa problemas.
A recomendación de Manuel Portela é, por tanto, a do sentido común. “As dietas poden dar saúde, pero tamén traer enfermidades. Hai que cubrir, dentro duns límites, as necesidades que cada persoa ten pola súa condición e modo de vida”.