Xoves 30 Novembro 2023

Un estudo galego, pioneiro no tratamento psicolóxico contra o tabaquismo

Investigadores da USC comproba a eficacia da técnica da activación condutual mellora os resultados de eficacia na abstinencia do tabaco

Quen intentou algunha vez deixar de fumar despois de anos de tabaquismo sabe que é moi complicado soportar a abstinencia. Os problemas de ansiedade e cambios no estado de ánimo son obstáculos ás veces moi difíciles de superar. E a atención psicolóxica é clave para afrontalos. Neste sentido leva moitos anos traballado a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC, liderada polo catedrático de Psicoloxía Clínica Elisardo Becoña. Un equipo desta unidade acaba de publicar na prestixiosa revista Plos One o primeiro ensaio clínico que mostra claramente a eficacia da activación condutual no tratamento psicolóxico de persoas fumadoras.

A técnica psicolóxica da activación condutual está dirixida ao manexo e mellora do estado de ánimo. O seu obxectivo “é que a persoa incremente a realización de actividades positivas e gratificantes de acordo cos seus intereses e valores”. Así, como explican dende a Unidade de Tabaquismo é “máis probable que a persoa entre en contacto con aspectos sociais, persoais e ambientais positivos”.

Elisardo Becoña, catedrático de Psicoloxía Clínica da USC e director da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos.
Elisardo Becoña, catedrático de Psicoloxía Clínica da USC e director da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos.

Como explican dende o grupo de investigación compostelán, o traballo parte dunha “ampla mostra de 274 fumadores“, a partir da cal se ten demostrado que “a activación condutual permite mellorar os resultados de eficacia na abstinencia do tabaco”. Esta técnica xa demostrara previamente a súa eficacia para o tratamento da depresión e “dado que cada vez máis persoas fumadoras presentan un baixo estado de ánimo, no estudo avaliouse o papel da activación condutual no tratamento para deixar de fumar”. Neste senso, a investigación permitiu comprobar tamén como “as persoas que logran deixar de fumar melloran no seu estado de ánimo conforme pasa o tempo”. Trátase dun dato relevante no sentido de que “a sintomatoloxía depresiva relaciónase con dificultades para deixar de fumar”, segundo indican desde a USC.

Outra das conclusións alcanzadas foi que os resultados son “igualmente positivos tanto en homes como en mulleres”, sen esquecer que “o tratamento non ten efectos adversos, a diferenza do que ocorre con distintos fármacos”. En conxunto, o equipo responsable do estudo considera que coa técnica avaliada “deixar de fumar non só permite mellorar a saúde física senón que o estado de ánimo tamén mellora a longo prazo”.

O estudo abre novas vías de investigación así como de colaboración da Unidade de Tabaquismo da USC con outros grupos nacionais, europeos e norteamericanos, en base aos “resultados obtidos, innovación e achegas do traballo ao campo de tratamento do tabaquismo”.

Os autores do artigo son Carmela Martínez Vispo, Rubén Rodríguez Cano, Ana López Durán, Carmen Senra, Elena Fernández del Río e Elisardo Becoña. A traxectoria e experiencia desta Unidade da USC convértena nun referente no tratamento psicolóxico para deixar de fumar tanto no plano nacional como internacional.

Referencia: Cognitive-behavioral treatment with behavioral activation for smoking cessation: Randomized controlled trial (Publicado en Plos One, 8 de abril de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Canto tempo pasa entre que se inicia o consumo de tabaco e aparece o cancro de pulmón?

A investigadora Carla Guerra Tort estudará a relación temporal entre as mortes derivadas desta enfermidade e o tabaquismo

O que agocha o vapeo en adolescentes: “Entran en xogo a autoestima e a alimentación”

Estes aparatos electrónicos conteñen substancias tóxicas que poden ocasionar cancro e evali, a enfermidade derivada de vapear

O fume ambiental do tabaco mata dúas persoas ao día, un 60% non son fumadoras

O 1,5% do total dos falecementos por cancro de pulmón e cardiopatía isquémica en persoas de 35 anos ou máis débese ao tabaquismo pasivo