Os trastornos de saúde mental durante o embarazo e posparto son sobresaíntes, e aproximadamente unha de cada cinco embarazadas presentan algún tipo de trastorno de saúde mental. En España, a prevalencia sitúase ao redor do 18%. Dentro destes, os máis frecuentes son os trastornos de tipo depresivo e/ou ansioso. Debido a que en moitos casos son infradiagnosticados, unicamente un 15% das mulleres con trastornos de saúde mental reciben algún tipo de tratamento durante o embarazo.
Existe bastante evidencia científica que apoia que a depresión durante o embarazo ten un impacto na saúde materna, debido a que aumenta a probabilidade de que estas mulleres adopten hábitos de vida pouco saudables (tabaco, drogas, peor alimentación, menos exercicio). Isto pode afectar o desenvolvemento do embarazo e aumentar a probabilidade de complicacións, como partos pretermo e o nacemento de bebés de baixo peso ou con máis risco de ingreso na UCI neonatal.
O estrés durante o embarazo asóciase a un maior risco de desenvolver certas enfermidades na descendencia
En todo este procesoo estrés, definido como calquera malestar psicolóxico, xoga un papel fundamental. O estrés pon en marcha un proceso de activación biolóxica de regulación que pode favorecer que a placenta libere certos factores biolóxicos que actuarán sobre diversos sistemas no feto. E esta é a clave para entender por que o estrés durante o embarazo se pode asociar a un maior risco de desenvolver certas enfermidades na descendencia. Con todo, actualmente non está de todo claro que este proceso se asocie con trastornos psico-condutuais nos futuros nenos-adolescentes-adultos, e confirmalo segue sendo un reto científico.
O empeoramento da saúde mental das embarazadas en pandemia
Durante o confinamento estrito na pandemia, nun estudo previo que realizamos no Hospital Vall d’Hebron en Barcelona, constatamos como as mulleres embarazadas presentaban taxas de síntomas depresivos e de ansiedade superiores ás que se avaliaron antes da pandemia en poboación embarazada xeral, afectando principalmente as mulleres con menos apoio social.
Existe tamén evidencia de que un maior risco de depresión durante o embarazo se asocia con maiores taxas de depresión posnatal, que pode derivar en trastornos do vínculo nai-bebé. Isto pode repercutir tamén no coidado do bebé, nos estímulos que o bebé recibe, que se sabe que é fundamental para un correcto neurodesenvolvemento.
Un recente estudo de Yuan-Chiao Lu tamén demostra que as taxas de síntomas depresivos e de ansiedade foron superiores nas embarazadas durante a pandemia, en comparación cunha cohorte pre-pandemia. Este estudo detecta, ademais, mediante resonancia magnética fetal, algúns cambios no desenvolvemento das estruturas do sistema nervioso central do feto, como son unha diminución no volume da substancia branca, o hipocampo e o cerebelo, así como un atraso na sulcación da cortiza cerebral.
Con todo, a asociación destes achados nas estruturas cerebrais con trastornos do desenvolvemento máis adiante na vida continúa sen coñecerse na actualidade. Este estudo tamén conclúe que a educación dos pais e o seu estado laboral asóciase co desenvolvemento do cerebro fetal.
Isto indica que probablemente as familias cunha mellor educación e mellor nivel socioeconómico son máis conscientes da importancia duns hábitos de vida saudables durante o embarazo, que favorezan un menor estrés, para un correcto neurodesenvolvemento durante o embarazo e os primeiros anos de vida dos seus fillos. Dentro dos hábitos de vida saudables inclúense unha boa alimentación, realizar exercicio físico, evitar a exposición a tóxicos (como poden ser o tabaco ou o alcol), manter unha boa hidratación, e ter uns bos hábitos de soño.
O desenvolvemento neuronal: desde o período embrionario ata a adolescencia
O estudo, doutra banda, ten limitacións, como non incluír variables como a nutrición, a enfermidade de saúde mental na familia e os factores xenéticos, así como a etnia.
Finalmente cabe remarcar que existe numerosa evidencia que apoia que o desenvolvemento neuronal esténdese desde o período embrionario ata a adolescencia e que, por tanto, o ambiente de desenvolvemento encerra recursos capaces de favorecer a maduración dos circuítos nerviosos cerebrais a través dunha combinación de coidados, relacións sociais, estímulos cognitivos e actividades motoras. Isto significa que o período de neurodesenvolvemento é amplo, e hai moitas oportunidades durante a infancia para seguir influíndo de maneira favorable neste proceso. Isto é o que se denomina plasticidade neuronal, de gran importancia nos primeiros anos de vida.
Hai que remarcar a importancia dun diagnóstico precoz de depresión e/ou ansiedade durante o embarazo e/ou posparto, tanto para un correcto tratamento como para minimizar os riscos para o bebé. Existen estratexias de cribado poboacional de trastornos de saúde mental durante o embarazo que demostraron ser útiles para ambos os obxectivos.
*Maia Brik é medica especialista en obstetricia e medicina materno-fetal no servizo de Obstetricia do Hospital Vall d’Hebron. A súa principal área de interese é a saúde mental perinatal.
Este artigo foi publicado en Science Media Centre España. Podes ler o orixinal na seguinte ligazón.