O cancro de mama é o tipo de tumor máis frecuentemente diagnosticado entre as mulleres e, a pesar de todos os avances en tratamentos e diagnósticos, segue sendo a primeira causa de morte por cancro entre elas, en moitos casos vinculado aos casos no que se converte en metastásico. Por iso, necesítanse novas terapias que aumenten o arsenal dispoñible contra esta enfermidade.
Durante o congreso da Sociedade Europea de Oncoloxía Médica (ESMO, polas súas siglas en inglés), celebrado en liña do 16 ao 21 de setembro, presentáronse varios estudos sobre este tipo de tumor. Unha das liñas con mellores resultados é a que combina un anticorpo cun fármaco de quimioterapia, o que se coñece como conxugado anticorpo-fármaco ou ADC.
Investigadores do Instituto de Oncoloxía Vall d’ Hebron de Barcelona (VHIO) presentaron no citado congreso o ensaio de fase III DESTINY- Breast 03, que avaliou a eficacia do fármaco trastuzumab deruxtecan en pacientes con cancro de mama HER2 + con metástase e que xa recibiran tratamentos con anterioridade. Este medicamento pertence a unha clase de tratamento que funciona como unha especie de cabalo de Troia: o anticorpo únese coas células tumorais e logo introduce nelas a quimioterapia, de forma que os tecidos sans se ven afectados minimamente.
“Este é o fármaco que logrou nun ensaio clínico de cancro de mama os mellores resultados nunca vistos e estamos seguros de que supoñerá un cambio no paradigma do tratamento destas pacientes”, explica Javier Cortés, de VHIO.
O traballo compara os resultados de administrar trastuzumab deruxtecan en pacientes de cancro de mama HER2+ metastásico e que xa recibiran outras terapias fronte ao tratamento estándar ata o de agora. En total participaron no ensaio 524 pacientes.
“Preto do 80 % das participantes tiveron unha mellora de polo menos o 50% na redución do tumor”, di o investigador Javier Cortés
Os datos obtidos demostran que trastuzumab deruxtecan mellora de forma moi significativa o tratamento estándar actual. Ao observar a supervivencia libre de progresión, no grupo que recibiu o fármaco habitual esta foi de 6,8 meses, mentres que máis da metade das pacientes ás que se lles administrou trastuzumab deruxtecan levan dous anos sen que se produza progresión.
Preto do 80 % das participantes tiveron unha mellora de polo menos o 50% na redución do tumor. De feito, só un 1 % non respondeu o tratamento. “No 16 % das pacientes viuse que desaparecía toda evidencia de cancro. É dicir, que sería potencialmente posible que un grupo destas pacientes poidan curarse”, recalca Cortés.
Aínda que os resultados deste ensaio cínguense a pacientes de cancro de mama HER2 positivo, xa se estuda a súa aplicación tamén en pacientes HER2 negativo e mesmo noutro tipos de tumores, como os colorrectais e os de pulmón.
“É un fármaco que está a demostrar unha actividade moi prometedora e estamos convencidos de que supoñerá un verdadeiro cambio na forma de tratar o cancro. Ningún outro ensaio demostrara unha actividade tan destacada en cancro de mama antes”, conclúe o experto.