A Organización Mundial da Saúde (OMS) confirmou un novo caso de ébola en Wangata, unha das tres comunas de Mbandaka, unha cidade de case 1,2 millóns de persoas na provincia de Equateur, ao noroeste da República Democrática do Congo. Mbandaka é unha das principais áreas urbanas do país, situada á beira do río Congo, por donde se adoita chegar ata a capital, Kinshasha, e a outras zonas do país, xa que gran parte dos transportes que se realizan son fluviais.
Foi o propio Ministerio de Saúde da República Democrática do Congo o que anunciou o achado, tras probas de laboratorio realizadas polo Instituto Nacional de Investigación Biomédica. Ata agora, todos os casos confirmados de ébola localizáronse na zona de Bikoro, que tamén se atopa na provincia de Equateur, pero a unha distancia de case 150 quilómetros de Mbandaka. As instalacións en Bikoro teñen unha funcionalidade moi limitada e é difícil chegar ás áreas afectadas, particularmente durante a tempada de choivas actual, xa que as estradas a miúdo son intransitables.
“É unha situación preocupante, pero agora temos mellores ferramentas que nunca para combater o ébola”, explicou Tedros Adhanom Ghebreyesus, director xeral da OMS, que visitou a zona. “Estamos a tomar medidas decisivas para deter a propagación do virus”. Entre outras actuacións, a organización enviou ao Congo 4.000 doses da vacina experimental que se leva probando desde hai anos contra o virus.
[box size=”large”]”A chegada do ébola a unha área urbana é alarmante”, sinalan desde a OMS[/box]
Ata o pasado 15 de maio, reportáronse un total de 44 casos de ébola: 3 confirmados, 20 probables e 21 sospeitosos. 23 destas persoas morreron. A OMS despregou ao redor de 30 expertos para levar a cabo a vixilancia na cidade e está a traballar co Ministerio de Saúde do país para involucrar ás comunidades na prevención e o tratamento, e no informe de novos casos.
“A chegada do ébola a unha área urbana é alarmante e a OMS e os seus socios están a traballar xuntos para ampliar rapidamente a procura de todos os contactos do caso confirmado na área de Mbandaka”, subliñou Matshidiso Moeti, director rexional da OMS para África. A OMS tamén está a colaborar con Médicos sen Fronteiras (MSF) e outras institucións para fortalecer a capacidade dos centros de saúde no tratamento aos pacientes con ébola en salas especiais de illamento.
Que é o ébola?
A doenza está causada por un virus identificado por primeira vez en 1976 preto do río Ebola, no Congo, e en Sudán. Non se coñece a orixe exacta, pero crese que unha especie de morcegos da familia Pteropodidae son hospedadores do virus. Pode transmitirse a traves do contacto con animales infectados ou ben, tal e como acontece na maioría dos casos, a través co contacto coas secrecións corporais (sangue, excrementos, ouriños, saliva ou seme) de humanos infectados.
Os síntomas adoitan ser febre súbita, debilidade intensa, dores musculares, de cabeza e gorxa. A medida que o ébola avanza, é común a aparición de vómitos e diarrea, erupcións cutáneas, deterioro da función dos riles e o fígado e, nalgúns casos, hemorraxias internas e externas.