Xoves 30 Novembro 2023

Combater o medo á ansiedade, clave para deixar o tabaco

Un artigo da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC aborda a importancia da terapia con mellores resultados á hora de deixar este hábito

Acudir a todas as sesións do tratamento para deixar de fumar, así como a sensibilidade á ansiedade física, é dicir, o medo aos síntomas físicos da ansiedade, relaciónanse co logro e mantemento da abstinencia a longo prazo. Esta é unha das principais conclusións recollidas no artigo Treatment completion and anxiety sensitivity effects on smoking cessation outcomes. Addictive Behaviors, publicado na revista Addictive Behaviors e do que son autores Carmela Martínez Vispo, Ana López Durán, Rubén Rodríguez Cano, Carmen Senra e Elisardo Becoña da Unidade de Tabaquismo e Trastornos  Aditivos da USC.

“Na actualidade, as intervencións para deixar de fumar demostraron a súa eficacia; con todo, manter a abstinencia a longo prazo é difícil”, sinala o catedrático Elisardo Becoña. Neste senso, distintos estudos apuntan a que unha alta porcentaxe de fumadores que reciben tratamento para deixar de fumar e logran a abstinencia volven consumir tabaco tras pasar un tempo. “Esta investigación tiña como obxectivo estudar se completar as oito sesións de tratamento, así como a sensibilidade á ansiedade, relacionábanse co mantemento da abstinencia ao longo dun ano tras finalizar o devandito tratamento”, explica o profesor Becoña.

Os resultados mostraron que era máis probable que mantivesen a abstinencia aquelas persoas que acudiran ás oito sesións de tratamento en comparación con aquelas que faltaran a unha ou máis sesións. Doutra banda, tamén se detectou que unha maior sensibilidade á ansiedade relacionada cos síntomas físicos —por exemplo, medo a ter palpitacións, falta de aire, ou a secreción sudoral, entre outros— relacionábase cunha menor probabilidade de manterse  abstinentes.

Os datos demostraron que aquelas persoas que completaron o tratamento e tiñan unha elevada sensibilidade á ansiedade física albergaban máis posibilidades de manterse sen fumar que aquelas outras que non acudiron a todas as sesións. “Os achados deste estudo teñen implicacións clínicas significativas para os tratamentos para deixar de fumar pois os resultados mostran que acudir a todas as sesións, é dicir, completar o tratamento relaciónase con mellores resultados. Asemade, introducir compoñentes específicos nas intervencións que aborden a sensibilidade á ansiedade podería mellorar os resultados do mesmo”, apunta Becoña.

Tratamento na USC

Dende a Unidade de Tabaquismo e Trastornos  Adictivos da USC ofrécense tratamentos psicolóxicos gratuítos en grupo para deixar de fumar, sendo os mesmos un referente a nivel estatal e internacional. Ademais, a Unidade impulsou recentemente un programa en liña para poñerlle freo a este hábito.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Pódcast | Tabaquismo, vapers e fume ambiental

Neste capítulo de 'Investigar na USC' falamos coa científica Julia Rey sobre a EPOC e a actualización da lei antitabaco

Canto tempo pasa entre que se inicia o consumo de tabaco e aparece o cancro de pulmón?

A investigadora Carla Guerra Tort estudará a relación temporal entre as mortes derivadas desta enfermidade e o tabaquismo

O que agocha o vapeo en adolescentes: “Entran en xogo a autoestima e a alimentación”

Estes aparatos electrónicos conteñen substancias tóxicas que poden ocasionar cancro e evali, a enfermidade derivada de vapear