Os efectos do consumo de tabaco na saúde das persoas continúan a ser un tema de investigación de gran relevancia na ciencia. Nos 50 anos transcorridos entre a publicación do primeiro informe do Cirurxián Xeral (o principal portavoz en asuntos de saúde pública no goberno federal dos Estados Unidos) en 1964 e o último informe, establecéronse relacións causales entre o consumo de tabaco e máis de 20 enfermidades. Entre estas enfermidades, pódense distinguir tres grandes grupos: os cancros, as enfermidades cardiovasculares e as enfermidades respiratorias. Agora, un artigo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela liderado por Julia Rey Brandariz e Mónica Pérez-Ríos vén de constatar que as mortes por cancro de pulmón en mulleres no Estado multiplicáronse por catro dende 1990.
O obxectivo deste estudo publicado no European Journal of Public Health, explican, foi analizar a tendencia da mortalidade atribuible ao tabaquismo en España entre a poboación maior de 35 anos durante o período 1990-2018, aplicando un método independente da prevalencia. No Estado, conclúen que o tabaquismo activo provocou 1.717.150 mortes entre 1990 e 2018 en poboación maior de 35 anos, o que supuxo o 12,7% do total de mortes neste período (22,3% en homes e 2,3% en mulleres).

“Os resultados obtidos neste estudo reflicten a evolución da epidemia de tabaquismo en España. Os homes españois comezaron a fumar durante a Guerra Civil Española (1936-1939) e a súa prevalencia comezou a diminuír desde a década de 1970 e continúa diminuíndo até a actualidade.”, reflexionan no seu artigo. “En mulleres obsérvase que a prevalencia de tabaquismo comezou a aumentar na década de 1960 e a diminuír en 2006, aínda que este descenso foi moi leve até os datos de prevalencia actuais”, seguen. Isto coloca a homes e mulleres en diferentes etapas na evolución da epidemia de tabaquismo.
Como propoñen as investigadoras, se ben o consumo de tabaco causou máis de 1,7 millóns de mortes en España durante o período 1990-2018, a epidemia de tabaquismo en España durante este período evolucionou de forma diferente en ambos os sexos. Isto, explican, debe ter implicacións estratéxicas á hora de abordar o fenómeno. “Mentres que nos homes produciuse un descenso das cifras de mortalidade atribuible ao tabaquismo para todas as causas relacionadas co tabaco, nas mulleres observouse o escenario contrario“, discuten.
A evolución das taxas estandarizadas da mortalidade atribuible ao tabaquismo tamén mostra escenarios opostos en ambos os sexos. Polo tanto, mentres que se observou que as taxas estandarizadas caían entre os homes, aumentaban entre as mulleres. “Espérase un aumento substancial nas cifras de mortalidade atribuible ao tabaquismo de mulleres nos próximos anos. Todos os datos relacionados destacan a importancia de incluír unha perspectiva de xénero nestas análises, no deseño de intervencións de saúde pública máis eficaces e integrais e no desenvolvemento de políticas de control do tabaco para frear o consumo de tabaco”, reclaman. “Estas políticas deben considerar un enfoque específico de xénero para lograr unha maior efectividade”, rematan.
Decálogo dos falsos mitos arredor do tabaquismo
O Grupo Español do Cancro de Pulmón, fundado en 1991, foi un dos primeiros grupos cooperativos de investigación formado por oncólogos que se creou en España co obxectivo de avanzar na curación da enfermidade. Hai pouco fixo pública unha guía de dez puntos para rachar coas falsas crenzas arredor do tabaquismo:
- O cancro de pulmón non afecta ás mulleres, é maioritariamente masculino. FALSO . Esta enfermidade duplicou a súa incidencia nas mulleres nos últimos cinco anos. Os oncólogos do GECP alertan de que xa é o cuarto tumor en incidencia entre o sexo feminino.
- Fumo poucos cigarros ao día, polo que a enfermidade non me pode afectar. FALSO . O consumo de tabaco está directamente relacionado coa incidencia do cancro de pulmón, independentemente da cantidade consumida.
- Se fago regularmente probas de detección precoz, poderei evitar a enfermidade. FALSO. O cancro de pulmón é un dos poucos tumores onde a prevención primaria, deixar de fumar, reduce as posibilidades de desenvolver a enfermidade ata nun 80%. É certo que estudos recentes demostraron a eficacia do cribado (TAC) nos grupos de risco, pero o GECP destaca que a arma máis eficaz e máis barata é sempre deixar de fumar.
- Non me importa que fumen no interior, o fume de terceiros non me afecta aos pulmóns. FALSO. O fume pasivo tamén afecta aos pulmóns. De feito, hai unha porcentaxe de tumores, aínda que mínima, relacionada con factores ambientais.
- Os mozos fuman máis que as mozas. FALSO . Os datos sobre o consumo de tabaco entre o sexo feminino seguen a ser motivo de preocupación para os expertos do GECP. De feito, neste colectivo non se constata con tanta claridade a diminución do tabaquismo pola implantación de medidas regulamentarias, sendo a porcentaxe de exfumadores similar á de 2006, como se explica ao comezo desta información.
- Estase a perder o hábito de fumar. FALSO. Aínda que é certo que o consumo diminuíu entre os 40 e os 50 anos, aumenta entre os mozos, sendo a idade media de iniciación a este hábito nos 17 anos.
- O cancro de pulmón é sinónimo de morte. FALSO. Grazas á investigación de grupos cooperativos como o GECP, cada día estase a progresar máis na mellora da supervivencia da enfermidade. Ademais, como resultado do Proxecto Xenoma Humano, comprobouse que o tumor pulmonar é o segundo en número de alteracións xenómicas o que, unido ao incremento do coñecemento dos tratamentos inmuno-oncolóxicos e aos moi prometedores resultados iniciais do mesmo, abre a porta á esperanza dunha mellora significativa na supervivencia.
- É imposible evitar a aparición do cancro de pulmón. FALSO. O 80% destes tumores pódense evitar con só deixar de fumar.
- Se quero recibir o mellor tratamento para o cancro de pulmón, terei que ir a un hospital estranxeiro. FALSO. España está entre os países líderes en investigación e tratamento do cancro de pulmón. De feito, o Grupo Español de Cancro de Pulmón, integrado por oncólogos, radioterapeutas e investigadores clínicos españois, é un dos máis activos no seu ámbito a nivel internacional.
- Non hai avances no tratamento do cancro de pulmón. FALSO. Os oncólogos españois levan a cabo nos últimos anos o que se coñece como investigación “translacional”, aquela que se realiza dende o propio hospital, e descubriron novos obxectivos de tratamento para frear a progresión da enfermidade.