Xoves 30 Novembro 2023

A Unidade de Tabaquismo da USC desenvolve unha ‘app’ para deixar de fumar

A nova intervención compleméntase con sesións semanais en liña desde casa en contacto cun terapeuta

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC acaba de poñer en marcha unha nova intervención para deixar de fumar dende a casa. A través de sesións nunha plataforma en liña e co apoio dunha ‘app‘, o paciente “segue o tratamento comodamente, semana a semana, dende a súa casa coa axuda dun terapeuta”, sinalan dende a Unidade. O Programa para Deixar de Fumar é gratuíto e lévase a cabo en formato grupal. Para participar, só hai que apuntarse e dispoñer dun dispositivo electrónico con conexión a internet (tableta, computador ou teléfono móbil) “dende o que poidamos vernos e escoitarnos, así como un teléfono móbil para poder descargar a App”, explican.

O devandito programa de tratamento consta de oito sesións que se desenvolven a través da plataforma en liña, unha vez á semana, cunha hora de duración. “Nelas aplicamos o tratamento psicolóxico que levamos a cabo dende hai anos, o Programa para deixar de fumar, ben coñecido, cun alto nivel de eficacia e de referencia a nivel estatal e internacional pola súa facilidade para seguilo e pola aceptación do mesmo por parte dos fumadores”, indican os responsables da Unidade que xa trataron a unhas 15.000 persoas. Semana a semana, os participantes farán unha redución gradual da cantidade de nicotina que consomen, establecendo cada semana o número de cigarros que poden fumar diariamente. “Desta forma, pódese deixar de fumar sen ter os síntomas da síndrome de abstinencia como son enfado, ira, tristeza, ou ansiedade”, matizan.

Igualmente, o programa aborda as situacións asociadas ao consumo de tabaco como é o caso do vínculo entre café e fumar. “E, o máis importante, semana a semana proporcionaranse diferentes ferramentas psicolóxicas que resultarán de axuda no proceso de abandono do tabaco, así como no manexo da ansiedade e do estado de ánimo, e que lle axudarán a evitar situacións de risco de recaída”, sinalan os responsables desta Unidade dirixida polo catedrático da USC Elisardo Becoña Iglesias e coordinada pola profesora Ana López Durán. Ademais, contarán co apoio dunha App deseñada especificamente para este programa que axudará aos participantes durante todo o proceso.

Antes de comezar o programa, ás persoas interesadas en participar, faráselles unha entrevista e unha avaliación, co obxectivo de coñecer cada caso en particular e adaptar o tratamento ao mesmo. Ao finalizar o programa, “seguiremos en contacto ao longo dun ano, para seguir o seu estado, axudarlle se o precisa e solucionarlle posibles dúbidas e problemas que lle poida ir xurdindo co tempo”, explican. Pode obterse información máis detallada deste tratamento no teléfono 881 81 39 39, a través do enderezo electrónico  elisardo.becona@usc.es ou ana.lopez@usc.es.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ansiedade pola crise climática: “Nada parece útil para salvar o planeta do seu inexorable final”

As respostas emocionais ante as ameazas ambientais que poñen en perigo o futuro da Terra son cada vez máis comúns na poboación

Pódcast | Tabaquismo, vapers e fume ambiental

Neste capítulo de 'Investigar na USC' falamos coa científica Julia Rey sobre a EPOC e a actualización da lei antitabaco

Canto tempo pasa entre que se inicia o consumo de tabaco e aparece o cancro de pulmón?

A investigadora Carla Guerra Tort estudará a relación temporal entre as mortes derivadas desta enfermidade e o tabaquismo

“Os meus pensamentos esgótanme”: como escapar do bucle obsesivo das rumiacións

Hai pensamentos negativos e recorrentes que colonizan o noso cerebro. Que mecanismos cerebrais se poñen en marcha? Como podemos paralos?