Martes 28 Novembro 2023

A científica Aurora Gómez, nun estudo con novas claves sobre as doenzas asociadas á idade

A investigadora galega que traballou en Cambridge e se acaba de incorporar ao CSIC, é unha das autoras principais do artigo

A revista Nature Medicine publicou este luns unha investigación internacional que é un dos primeiros estudos a escala poboacional en analizar os rasgos xenéticos comúns que están influenciados por variacións no ADN das mitocondrias, orgánulos esenciais nas células, xa que son a súa ‘fábrica’ de enerxía. A análise, coa participación de recoñecidos centros de investigación como o Wellcome Sanger Institute da Universidade de Cambridge, ten como unha das súas principais autoras a Aurora Gómez Durán, científica galega que acaba de incorporarse ao Centro de Investigacións Biolóxicas Margarita Salas do CSIC desde a institución británica.

O traballo describe como os niveis máis altos do aminoácido f-formilmetionina (fMet) están asociados cun maior risco de padecer un amplo rango de enfermidades de aparición tardía, así como dunha mortalidade maior por todas as causas, o que demostra o potencial do fMet como un posible biomarcador de avellentamento e risco de enfermidades, así como da importancia de estudar as variantes do ADN mitocondrial.

A importancia do ADN mitocondrial

Tal e como destacan deste a Universidade de Cambridge, as mitocondrias son orgánulos con funcións biolóxicas vitais, como a produción do 90% da enerxía que as células precisan para funcionar. Teñen unha relevancia especial ao posuír un código xenético propio, o coñecido como ADNmt que se transmite de nais a fillos e é distinto do ADN que conteñen os núcleos de cada célula.

Moitas enfermidades comúns na especie humana, como a diabetes, doenzas coronarias ou a depresión, están influenciadas polo dano ou alteración no código do ADNmt. Co paso do tempo, a acumulación de mutacións do ADNmt conduce ao xurdimento de distintas liñaxes na poboación, os coñecidos como haplogrupos, que confiren rasgos particulares a cada un deles. Investigacións previas demostraron que, por exemplo, o haplogrupo Uk, atopado no 10% da poboación europea, ten un efecto protector fronte ao Párkinson ou as isquemias cerebrais.

Na análise na que participou Gómez Durán, denominada INTERVAL, con datos de 16.000 persoas, identificáronse asociacións significativas entre os niveis de fMet e variantes do ADNmt en distintos haplogrupos. Posteriormente, estes vínculos confirmáronse mediante modelos celulares.

A continuación, os datos estudáronse en relación ao EPIC-Norfolk, unha base de datos que seguiu durante 20 anos o estado de saúde de miles de persoas neste condado de Inglaterra, para observar se as diferenzas nos niveis de fMet entre individuos estaban asociadas a unha gama máis ampla de enfermidades asociadas á idade. En contraste cos datos das isquemias cerebrais, os niveis altos de fMet asociáronse a un maior risco de doenzas renais ou cardíacas.

“Os nosos achados revelan o importante papel que xogan as variantes do ADNmt en varias patoloxías, e que teñen un rol máis profundo do que pensabamos ata agora na homeostase celular. Debido a isto, o ADNmt debe terse moi en conta á hora de investigar un diagnóstico e administrar un tratamento para as enfermidades asociadas á idade”, explica Aurora Gómez Durán no portal do instituto Sanger.


Referencia: Mitochondrial DNA variants modulate N-formylmethionine, proteostasis and risk of late-onset human diseases (Publicado en Nature Medicine).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo deseña un antiinflamatorio substituto dos corticoides

O composto, creado por un grupo liderado polo CSIC e a Universidade Politénica de Valencia, ten menos afectos adversos e toxicidade

Un compromiso coa comunicación científica de calidade

A delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González Sotelo, destaca o traballo de Gciencia durante os seus primeiros dez anos

Demostrada a eficacia dun novo fármaco contra o cancro de colon

Os investigadores desenvolveron un medicamento dirixido contra a proteína CD98hc, unha nova diana terapéutica presente na superficie das células tumorais

Revelan o papel clave das modificacións de ARN na loita contra o cancro de próstata

Un equipo do CSIC mostra que inhibir o encima METTL1 frea o desenvolvemento do cancro de próstata e mellora a eficacia dos tratamentos oncolóxicos