“Cubrir un baleiro de coñecemento sobre a situación de exposición ao radon na contorna laboral”. Con este obxectivo un equipo multidisciplinar de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), vencellado á área de Medicina Preventiva e Saúde Pública e ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), mediu a presenza de radon en máis de 3.100 lugares de traballo en España e analizou a existencia de factores comúns que favorezan a presenza deste gas. A información abre o camiño a posibles estratexias de coidado da saúde e mellora do benestar dos traballadores e traballadoras.
O equipo, liderado por Alberto Ruano, está integrado por os seguintes investigadores: Lucía Martín, Cristina Candal-Pedreira, Marta García-Talavera, Mónica Pérez Ríos, Juan Barrios Dios e Leonor Varela Lema.
O radon é un gas radioactivo natural que se orixina pola desintegración do uranio e que, aínda que emana do chan e dilúese na atmosfera pode concentrarse en espazos pechados. Foi cualificado “elemento canceríxeno” pola OMS no ano 1988 e esté probado que a exposición ao radon é o segundo factor de risco para o desenvolvemento do cancro de pulmón, detrás do tabaco.
O traballo A exposición ao radon e os seus factores influentes en 3.140 lugares de traballo en España, recentemente publicado en Elsevier, recolle datos preocupantes como que “1 de cada 5 traballadores podería estar exposto a niveis excesivos de radon en zonas propensas ao radon”, é dicir, a unha concentración deste gas radioactivo superior aos 300 Bq/m3 (becquerelio/metro cúbico), limiar fixado pola UE. O 20% dos lugares de traballo analizados (623) superaron este límite.
“O estudo ten como obxectivo cubrir un baleiro de coñecemento sobre a situación da exposición ao radon na contorna laboral”
ALBERTO RUANO, investigador da USC
“Galicia suma a maior parte das concentracións de radon laboral superior aos 300Bq/m3” sinala Alberto Ruano, a quen non sorprende o dato. A nosa comunidade autónoma é “zona propensa á exposición ao radon”, tal como reflicte o Mapa Nacional do Potencial do Radon do Consello de Seguridade Nuclear e o 70% do seu territorio está afectado por concentración elevada deste gas. Ademais o 89% dos centros de traballo medidos (253 repartidos en 14 provincias) están radicados en Galicia.

A análise dos postos de traballo permite detectar factores recorrentes que favorecen a acumulación de radon. Por exemplo: hai maior concentración de gas nos lugares de traballo localizados na planta baixa ou primeira planta dos inmobles (proximidade ao subsolo emisor ou nos edificios antigos dos centros históricos das cidades ou vilas (mal illamento do subsolo). Fronte a esta realidade existen solucións técnicas para reducir a concentración de radon en interiores: láminas anti-radon, melloras na ventilación, selaxes adicionais etc.
Cultura e educación
Agrupados por sectores de actividade, as maiores concentracións do gas atopáronse nos sectores da cultura e a educación, en cuxas instalacións detectaronse ata 6,5 veces máis radon que nas oficinas bancarias, segundo recolle o estudo. Dáse a circunstancia de que as súas instalacións (escolas, institutos, universidades, bibliotecas, centros culturais…) adoitan axuntar os dous factores recorrentes mencionados. Neste caso a afectación iría máis aló dos traballadores, implica a estudantes e público en xeral.
“Non se trata de xerar alarma, senón de ter información e coñecemento para mellorar” subliña Ruano Raviña, quen apela á responsabilidade dos empregadores e as administracións para adoptar medidas correctoras e de prevención laboral contra o gas radon en interiores. Necesítanse medidas inmediatas para protexer aos traballadores de España.
A exposición ao radon no lugar de traballo está regulada nos estados membros da UE mediante a transposición nacional da Directiva 2013/59/Euratom. Con todo, no noso país, os requisitos da Directiva para a exposición ao radon dos traballadores traspuxéronse en decembro de 2022 (Real Decreto 1029/2022), case cinco anos despois de que expirase o período establecido pola Comisión Europea.
Referencia: “La exposición al radón y sus factores influyentes en 3.140 lugares de trabajo de España” (Publicado en Elsevier)
HABERÁ QUE INVESTIGAR BEN QUE É O QUE TÉN O GRELO E ASI CREAR UNHAS PÍLULAS PARA COMBATER
OS DESORDES CELULAŔES …
PARA O RADÓN CREAR UN PROTOCOLO PARA QUE
SE INVESTIGUEN AS CONDICIÓNS DOS POSTOS DE
TRABALLO …