Un veterano de Carnota na II Guerra Mundial enterrado en Arlington

Antonio, vestido co uniforme da Marina Mercante, descansa no cemiterio de Arlington. Imaxe: Arquivo familiar / Diego Delso - CC BY-SA 3.0.

No 1916, nunha pequena casa ao lado da fonte da Granda, en Carnota, naceu Antonio Fernández. Cando faleceu e foi incinerado, en 2008, a familia levouno ao cemiterio nacional de Arlington, en Washington, onde descansan moitas das vítimas das guerras nas que Estados Unidos tomou parte desde a guerra de Secesión do século XIX. Entre estas dúas datas, hai unha vida apaixonante, como a de tantos outros galegos e galegas emigrantes.

A historia de Antonio recuperouna o avogado Xosé Manuel Rey, veciño seu, que hai uns anos soubo do proxecto Invisible Immigrants, un libro que rescata para a memoria a vida anónima de miles de emigrantes españois que probaron fortuna a comezos do século XX nos Estados Unidos.

“O meu pai falaba a cotío da fame en Galicia; non había suficiente para comer”, lembra a súa filla Carol Fernández desde a costa oeste estadounidense, onde Antonio estableceu o seu novo fogar. Antes de chegar a Norteamérica, “O Moreno” (chamábano así pola súa pel escura) cruzou o Atlántico probou sorte en Cuba con só 18 anos. Conta Xosé Manuel Rey que traballou dous anos nos viveiros de flores Goyanes.

Era difícil entrar nos Estados Unidos, pero Antonio atopou a forma. “Era moi intelixente e espelido, e enterouse de que no consulado estadounidense en Xamaica había posibilidades para entrar legalmente no país. E alá foi”, recorda Carol.

Antonio empezou a gañarse a vida, pero chegou Pearl Harbor, o ataque xaponés que propiciou a entrada norteamericana na guerra. Entón, a Marina Mercante andaba á procura de oficiais para os buques que abastecían ás tropas nas frontes de Europa e o Pacífico. E “O Moreno” probou sorte. Tomou parte nun programa en Fort Trumbull, en Connecticut, e aínda que o seu inglés era mellorable, conseguiu acabar os seus estudos de Enxeñaría. Púxose a traballar, segundo lembra a súa filla, en sistemas de refrixeración e motores de barco, a bordo dos mercantes que nutrían as tropas estadounidenses.

[box size=”large”]Con 18 anos, Antonio emigrou a Cuba, e pouco despois chegou aos Estados Unidos[/box]

Nestes anos, Carol Fernández lembra que o seu pai estivo en Hawai e en varios puntos de Europa. Aínda que non estaba na fronte, non era un labor exento de perigos, xa que moitos barcos mercantes foron atacados e afundidos durante o conflito.

Ao rematar a guerra, Antonio Fernández non deixou o mar. Estivo tamén no norte de África, Inglaterra ou Polonia, e tomou parte das accións do Plan Marshall co que os Estados Unidos axudaron a recuperar á Europa devastada pola guerra. Despois seguiría como enxeñeiro, ata a súa xubilación, en New York, no Servizo de Gardacostas dos Estados Unidos. Casou con outra galega, Susie, natural do lugar de Bemantes, en Miño, e a súa filla Carol traballou durante décadas en United Airlines. O seu neto, segundo conta Xosé Manuel Rey, é David Satlin, un produtor da cadea de deportes ESPN que gañou dous premios Emmy. A súa neta, Jennifer, é mestra e estudou en Berkeley, Columbia e na Complutense de Madrid.

Recoñecemento a Antonio

Nos anos 90, cando Antonio xa estaba retirado, o Congreso dos Estados Unidos outorgoulles o estatus de veteranos da Garda Costeira a todas as persoas que serviron na Marina Mercante durante a Segunda Guerra Mundial. Así foi como, cando faleceu Antonio, en 2008, as súas cinzas foron levadas ao Cemiterio Nacional de Arlington, a carón do Pentágono. Alí descansan, xunto a milleiros de vítimas da guerra e veteranos de conflitos en todo o mundo, John Fitzgerald Kennedy, a súa viúva Jacqueline ou os astronautas que morreron na explosión do Challenger no ano 1986.

Lembranzas de Carnota

Aínda coas penurias da fame que pasaba a familia do Moreno en Carnota, Antonio levou consigo a morriña aos Estados Unidos. “Acordábase moito da praia: como non tiñan cartos para comprar un traxe de baño, metíanse espidos no mar; dicía que era unha praia marabillosa, enorme, e na que apenas había ninguén”, conta Carol.

E outras anécdotas: “Cando a súa irmá maior se puxo de parto de xemelgos, contaba que cruzou o monte ata Muros (creo que contaba que foi de noite) para ir avisar ao seu cuñado de que ían nacer seus fillos”, lembra tamén a filla de Antonio.

E tamén tirou leccións de vida que lle legou a súa familia estadounidense. “Por exemplo, se alguén en Carnota lle prestaba cartos a alguén, e este non o devolvía, dicíase ‘non sexas mal pagador’. Paga as túas débedas, foi a lección que lle deu o meu avó e que o meu pai nos ensinou”.

E Carnota foi sempre con el nos Estados Unidos, ata no coche. “Cando comprou un Buick, pagou unha taxa extra para poder poñer ‘Carnota’ na matrícula”, tal e como se pode ver na imaxe que conserva a familia Fernández.

O Buick de Antonio, co nome de Carnota na matrícula.

Regresaba a miúdo á súa vila. A primeira vez, en 1948, despois da guerra. E en 1997, once membros dos Fernández regresaron ao lugar que viu nacer ao patriarca. A comezos dos anos 2000, volviu por última vez á súa terra. “A xente alí sentiu moita tristeza cando se enterou de que morrera” en 2008, conta a súa filla. “O certo é que era un home moi querido”, confirma Xosé Manuel Rey. A súa muller, Susie, faleceu poucos meses despois.

En 2015, cando se publicou o libro Invisible Immigrants, Xosé Manuel Rey quixo pechar o círculo e render homenaxe a “O Moreno”. Levou un exemplar ata a praia de Carnota, onde un século atrás nacera Antonio Fernández, para manter viva a súa memoria, e a de tantos outros, que cruzaron o mar pero nunca esqueceron a súa terra.

O libro “Invisible Immigrants”, na praia de Carnota. Foto: Xosé M. Rey.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.