Xoves 30 Novembro 2023

Os pesqueiros galegos afundidos na II Guerra Mundial

Foron vítimas ignoradas da Segunda Guerra Mundial. Mariñeiros e armadores que sufriron ataques durante a contenda. Porque varios pesqueiros galegos foron afundidos por buques de guerra aliados. Dende 1943, a frota de Galicia entrou en guerra, aínda que os seus barcos pertencían a un país teoricamente neutral. O mando aliado converteunos en obxectivo militar e ordenou afundilos, para evitar que actuasen como espías do III Reich.

Os ataques non aparecen na prensa da época, baixo unha férrea censura da información bélica. Pero documentación feita pública pola Royal Navy británica, xunto á Armada Canadense, confirma os ataques. Polo menos dez buques foron bombardeados e afundidos durante o conflito.

HMS Athabaskan.

A finais de 1942, os aliados deixaban claras as súas intencións. Avións de RAF sobrevoaban a costa galega, botando pasquíns sobre os portos. Nos panfletos, advertíase aos mariñeiros que non saísen a mar aberto, pois todo o litoral considerábase zona de guerra.

Nos papeis ameazantes, relatábase que o Atlántico e o Cantábrico eran os escenarios da batalla entre os aliados e os submarinos nazis. Ninguén estaría a salvo navegando nesas augas.

Ao ano seguinte, en 1943, comezaba a Operación Musketry (Mosqueteiro), con avións e buques aliados á caza dos submarinos u boot, as ‘mandas de lobos’ do almirante Doenitz. O seu escenario estendeuse desde o cabo Fisterra ata o golfo de Biscaia. E, nos arquivos militares de Inglaterra e de Canadá, figuran as accións que tiveron como vítimas a pesqueiros galegos.

Escadra canadense

En xullo de 1943, unha flotilla aliada patrulla fronte a Galicia. Está formada polo destrutor canadense Iroquois, acompañado polo seu xemelgo Athabaskan, e polo destrutor polaco Orkan.

O 21 de xullo, o capitán escribe no seu diario: “O Iroquois ve a un barco pesqueiro español cara ao leste, de nome Manolo, da Coruña, e, seguindo as instrucións de afundilo, facémolo, despois de embarcar á súa tripulación de catorce homes”.

Á mañá seguinte, o Iroquois detecta a outro pesqueiro galego. É o Isolina, ao que envía a canonazos ao fondo do mar. Un terceiro barco, o Viveiro, afunde vítima dos obuses do destrutor polaco Orkan.

MHCS Iroquois.

“Estes barcos -explicaría o capitán do Iroquois- foron afundidos nunha área que fora prohibida para eles polo Almirantazgo varios meses antes, porque había boas razóns para crer que estarían menos interesados na pesca que na máis probable ocupación da espionaxe”.

A Armada canadense xustifica que, nos últimos meses, os pesqueiros galegos penetraban en mar aberto, desatendendo as ordes. Segundo os arquivos de Canadá, a operación do 21 e 22 de xullo de 1943 “foi a primeira que se tomou en contra deles para que cumprisen as ordes”.

E esa xornada fatal puido ser peor, porque o capitán do Iroquois remata informando de que avistou “a outros moitos, máis de quince pesqueiros, pero non foron molestados porque non estaban nunha posición que prexudicase o éxito da nosa operación [a caza de submarinos U-boot]”.

Ademais da frota do Iroquois, outra escuadra aliada atacou a pesqueiros galegos naquel verán de 1943. Neste caso, estaba formada por buques de guerra da Royal Navy británica. Integraban o convoi os seguintes: Kite, Woodcock, Woodpecker e Wild Goose, catro barcos de última xeración, construídos en estaleiros do Reino Unido para facer fronte aos sumergibles de Doenitz. Pero tamén os pesqueiros galegos pasaron a ser os seus inimigos.

O 22 de xullo de 1943, o Woodcock atopa faenando ao pesqueiro galego Europa 5, matriculado en Vigo. “A área era unha das sinaladas polo Almirantazgo para uso dos neutrais baixo o seu propio risco”, escribe o capitán do buque. Así que se ordena abordar ao arrastreiro e deter aos seus 17 tripulantes, que son embarcados na frota aliada. Instantes despois, o Woodcock dispara os seus canóns contra o Europa 5 e afúndeo no Atlántico.

HMS Wild Goose.

Nos días seguintes, os avións de patrulla británicos localizan a novos pesqueiros galegos na súa zona de acción. O capitán do Woodcock ordena a todos os destrutores da zona dirixirse á área de pesca fronte a Galicia, con ordes de afundir aos barcos.

Procédese como contra o Europa 5, comezando por unha abordaxe e detendo despois a todos os tripulantes. Unha vez embarcados na frota aliada, os pesqueiros son bombardeados e afundidos. O Viro é enviado ao fondo polo destrutor Kite; o Montenegro, polo Wild Goose; a Boa Esperanza e o Don Antonio, polo Woodpecker; e o Comparrel, polo Woodcock.

Que todos os barcos participasen no afundimento, fai sospeitar que aproveitaron a operación para facer exercicios de tiro. Un pesqueiro máis, o Valterra, déixase á boia para poder trasladar a el aos mariñeiros galegos e que regresen a porto.

O alto mando aliado temía que os pesqueiros galegos actuasen para Alemaña, facilitando información sobre tránsito de mercantes. Por iso decidiuse prohibirlles saír a mar aberto. E tamén se temía que proporcionasen a Hitler información meteorolóxica, moi prezada en calquera guerra. O resultado foi polo menos unha decena de pesqueiros galegos afundidos, cuxa historia foi silenciada, ata que a rescatamos no ano 2006 no libro ‘Galicia en Guerra’, publicado por Edicións Xerais.

A ‘GUERRA METEOLÓXICA’

A inquietude sobre a espionaxe non era a única razón para acabar coa frota galega. Os aliados temían tamén que puidesen axudar a Hitler a gañar a “guerra meteorolóxica”. Porque, nunha guerra, tan importante como as armas son os mapas. E, sobre eles, a información do tempo. Unha nevarada ou un temporal podían dar ao traste coa operación mellor deseñada.

Así que os dous bandos esforzáronse desde o comezo da II Guerra Mundial en acadar as predicións meteorolóxicas máis fiables. En principio, os nazis instalaron bases meteorolóxicas permanentes no Ártico, en Noruega e Groenlandia. A aviación inimiga descubriu estes postos avanzados e o seu acoso fixo imposible manter a actividade. Foi así como Hitler decidiu empregar a pesqueiros para solicitar os datos do tempo.

Os barcos enviaban as súas medicións por radio, para que os meteorólogos da Luftwaffe puidesen facer o seu traballo. Pero, tras interceptar numerosas comunicacións, tamén os aliados descubriron a estrataxema e os pesqueiros foron convertidos en obxectivos militares.

É neste momento cando o alto mando comeza a sospeitar dos pesqueiros galegos, que pola súa neutralidade podían transitar polos mares sen risco de ser atacados. Ao tempo, podían sumar a presuntas labores de espionaxe a recollida de datos meteorolóxicos. Así, a finais de 1942 dáse a orde de prohibir a súa saída ao mar, baixo ameaza de afundimento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

Cambio radical no tempo en Galicia: volve a chuvia e baixan drasticamente as temperaturas

A partir do xoves caen os termómetros pola chegada dunha masa de aire frío polar. Na segunda metade da semana as precipitacións serán menos abundantes

Soengas: “Temos que facer pedagoxía coas novas xeracións porque ven un lado bastante negativo da ciencia”

A bióloga molecular analiza os retos que afronta a investigación oncolóxica en Galicia

Estes son os 10 cogomelos máis raros que podes atopar en Galicia

Pola súa forma, ou polo seu tamaño, incluso os hai que brillan na escuridade. Recompilamos as especies máis peculiares dos montes galegos