Nas próximas horas, nas aldeas e vilas do país poderán verse montóns de leña e cartóns que alimentarán as laradas de San Xoán. As avoas, as maiores ateusoradoras da sabedoría popular galega, aproveitan a véspera para recolleitar as herbas coas que lavarán a cara ao día seguinte. San Xoán é unha das festas máis importantes de Galicia e unha das noites máis agardadas do ano. Aínda que se intente cristianizar, é unha celebración celta do solstício de verán, onde o lume e a auga adquiren, segundo conta a lenda, uns poderes máxicos que otourgan protección o resto do ano e botan fóra os malos espíritos. Para conseguilo hai que saltar nove veces as fogueiras (dependendo da zona de Galicia o número pode variar, pero sempre é impar) ou beber auga de nove fontes, moito mellor se delas se contan lendas dende a antigüidade. Nestes días é onde máis resoa o dito: “Eu non creo nas meigas, pero habelas hainas“.
A noite do 23 ao 24 de xuño Galicia ilumínase. En ocasións confúndese coa noite máis curta do ano polo solsticio de verán, mais non coincide o mesmo día, este ano produciuse o 21 do xuño. A celebración comezará a última hora do venres, cando as praias, leiras ou prazas alberguen as cacheiras e xunten a familia e amigos. Na Coruña esta festa declarouse en 2015 de Interés Turístico Internacional pola súa espectacular acollida na praia do Orzán. Hai múltiples denominacións para referirse ás fogueiras: cachelas, cacharelas, cacheiras, lumeiras, laradas, lumaradas, luminarias… Será a partir das doce da noite cando o lume se encenda e, quen queira, se “encomende” a el: bailando, cantando, rindo, saltando. Nalgunhas zonas de Galicia tamén se fala da Noite das Meigas, de aí que os máis supersticiosos busquen purificar a alma e botar o meigallo con múltiples rituais.

Os cultos solares celébranse dende hai miles de anos. Algunhas lendas contan que o Sol estaba namorado da Terra e por iso se negaba a abandonala, dando lugar á noite más curta do ano. Os celtas celebraban o Alban Heurin, unha festividade que se celebraba para dar a benvida ao verán, escorrentar os malos prestixios e atraer a fertilidade. A tradición cristiá asocia estes rituais do lume con que Zacarías, o pai de San Xoán Bautista, tería encendido unha lumarada para celebrar o nacemento do seu fillo. A festa marca o comezo da temporada estival, o que a converte nunha máis relevantes dende o punto de vista antropolóxico e cultural.
É máis común que, antes de cheirar o fume das laradas, se sinta o olor das sardiñas, unhas das grandes protagonistas da noite que adoitan comerse con pan de millo mentres que se bebe viño e se baila. “Por San Xoán a sardiña molla o pan”, di o refrán. E, por suposto, non podería faltar a queimada e o seu conxuro para “afastar as meigas”. Cando a fogueira estea consumida poderase saltar cinco, sete, ou nove veces para “afastar o mal de ollo”. Nalgúns puntos sáltase espido porque os máis místicos cren que a acción purificadora é maior. “Salto por riba/ do lume de San Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can/ nin bicho vivinte/que ande polo chan”. Nas aldeas é común afumar ás terras ou ás arbores para asegurar boas colleitas e protexelas da posible visita das bruxas durante esta noite.
A lenda conta que quen beba auga de sete ou nove muíños poderá quedar libre de feitizos
A tradición conta que en San Xoán a auga convértese nun elemento máxico, crese que pode curar problemas de pel, asegurar maior saúde e conservar a beleza da xuventude. En Xavestre (Santiago de Comportela), contan que se bebes a auga que sae de sete ou nove muíños poderás quedar “libre de feitizos”; en Entrimo (Ourense), os veciños salpican auga entre eles para protexerse; ou nas Vendas de Barreira (Ourense) din que a moza que colla a flor da auga casará ese ano. Noutros lugares do país, hai quen se desviste e se frega con herba mollada polo orballo para curar, o que necesite curar.
As herbas de San Xoán varían en función da zona
Non hai un número concreto de herbas de San Xoán aínda que se adoitan usar sete, pero a especie depende da zona do país. De feito, o número de plantas que se poden recolleitar superan o número 40: fiúncho, fento, pétalos de rosa, lavanda, a folla de viño, folla de limoeiro, espadana, codeso, malva, herba luisa, herba de San Xoán, follas de nogueira, follas de carballo, herba punteira, xesta, romeu… A tradición di que hai que deixalas en auga durante toda a noite ao aire libre, para que se empapen do orballo e da luz da lúa. Nalgunhas zonas colócanse na porta das vivendas para afastar o mal de ollo, ou tamén nas hortas para protexer as colleitas ou no cortello para amparar o gando. Ao día seguinte, hai que lavar a cara con elas nada máis levantar. De non estar frescas como o día anterior, crese que auguran a morte ou algún tipo de desgraza.
A lenda conta que hai que evitar mirarse a un espello mentres se lava a cara con estas plantas, xa que pode “romper a maxia”. Ao facer isto, deberá evitarse tamén estar cara ao sol. Unha vez secas, as plantas poden esparcirse polas leiras ou diante dos cortellos, todo isto con fins protectores ou curativos. É común colgalas ao carón das fiestras ou portas para protexer as vivendas. Pero tamén, existe o costume de realizar todo o contrario: queimalas e tirar a auga para eliminar todo o mal que este elemento “curou”. Sexa da maneira que sexa, San Xoán é probablemente a celebración máis arraigada da cultura galega. Para os supersticiosos é unha noite única na que hai que saír fóra para aproveitar os poderes máxicos do lume e da auga. E para os que non cren no misticismo nin na bruxaría, é un motivo de festa e de xuntanza coa xente querida, unha noite especial na que as laradas tocan os ceos.
GRACIAS, MOI INERESANTE.