Mércores 29 Novembro 2023

Comezan os traballos de exhumación na foxa de Crecente

Búscase o corpo de César Alberte Domínguez, natural de Arnoia, no cemiterio de San Pedro de Filgueira

Arrancan os traballos de exhumación no cemiterio de San Pedro de Filgueira, en Crecente. Comeza, así, a segunda actuación do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, despois de que se dera por rematada a escavación na foxa común de Vilagarcía de Arousa. En Crecente vólvese reunir todo o quipo interdisciplinar, coordinado polo historiador Lourenzo Fernández Prieto, o arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense Fernando Serrulla e o xenetista Ángel Carracedo. Nesta nova actuación buscarán o corpo de César Alberte Domínguez, concelleiro en 1936.

Carpinteiro de profesión, era natural de Arnoia, en Ourense. Segundo a memoria familiar e a pouca documentación existente foi sacado da súa casa en Oliveira e asasinado na Ponte de Castrelo de Miño. “Non hai rexistro civil de defuncións. Porén, consérvase a denuncia contra os supostos asasinos que interpuxo un tío seu, que é de onde se pode certificar a súa morte”, explican dende o equipo investigador. Co obxectivo de atopar os seus restos, comezouse a escavar no adro da igrexa. Aínda que sexa unha zona acoutada, “ten a súa complicación”. O arqueólogo Fran Alonso, da empresa Tempos Arqueólogos, tamén participa na iniciativa e puntualiza que esta parte traseira da igrexa “é un lugar marxinal onde se adoitaba enterrar os bebés”.

Construción do encoro

Pero César Alberte Domínguez non é a único corpo. Máis alá deste enterramento irregular, os datos recollidos por Nomes e Voces —iniciativa impulsada polo grupo de investigación Histragra— rexistran outras dúas foxas individuais á beira do Miño. Non obstante, “resulta imposible” desenvolver tarefas de exhumación por mor da construción do encoro de Freira. Neste caso, trataríase de dous cadáveres que apareceron no río en 1936 e 1937. Segundo o rexistro civil do concello, aparecen como descoñecidos. Os traballos en Filgueira prolongaranse durante a semana que vén, dando así por rematadas as actuacións deste ano ao abeiro do convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia.

A localización, exhumación e identificación de vítimas durante a Guerra Civil, así como na represión política posterior é un dos obxectivos do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia que baixo a coordinación do grupo da USC Histagra, acometerá ata 2024 a dignificación dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria. “O contacto cos axentes sociais é imprescindible”, sinalou o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto. “Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas”, engadiron dende este grupo de investigación da USC.

Convenio de colaboración

Este Plan xorde como froito do convenio de colaboración asinado pola institución compostelá, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo; e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. “Queremos levar a cabo unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista”, apuntan dende Histagra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Santiago acolle este xoves un obradoiro de investigación sobre paisaxes históricas

O grupo de investigación Histagra organiza un taller para poñer en común traxectorias, metodoloxías e oportunidades de acción participativa

Só se poderán identificar tres corpos dos 18 que buscaban na foxa de Vilagarcía

Investigadores da USC presentan un informe que resume as actuacións levadas a cabo no cemiterio municipal para achar os restos dos represaliados

O achado de restos de tres persoas mantén a esperanza na exhumación de Vilagarcía

Falta confirmar se a súa identidade se corresponde coa dalgún dos 18 represaliados polos golpistas, pero non se saberá "ata dentro de tres ou catro meses"

A ciencia ao rescate da memoria dos 18 asasinados na foxa de Vilagarcía

Un equipo interdisciplinar inicia os traballos de exhumación no cemiterio municipal, tratando de atopar os restos dos represaliados entre 1936 e 1937