Os raios X foron dos adiantos tecnolóxicos que máis rápido chegaron a Galicia. Non pasaran tres anos dende o seu descubrimento, cando en Pontevedra xa se facían radiografías. E, en Vigo, convertéronse mesmo en protagonistas dunha exposición que espertou paixóns dos cidadáns.
En 1897, os raios X pasaron a ser un espectáculo de masas na cidade de Vigo. Un sábado de maio daquel ano formáronse longas colas no escaparate dun comercio da rúa do Príncipe para ver o nunca visto: unhas fotografías que mostraban o interior do corpo humano. Eran as imaxes tomadas polo médico pontevedrés Ángel Cobián Areal grazas a un equipo de raios adquirido en Alemaña apenas dous anos despois do descubrimento desta innovadora tecnoloxía.

Só un unha ducia e media de meses pasaran desde que Wilhem Conrad Röntgen descubrise os raios X. O físico alemán denominounos ‘raios incógnita’ ou ‘raios X’ porque non sabía que eran, aínda que si comprendía que os xeraban os raios catódicos ao chocar contra certos materiais. Hoxe en día, en Alemaña e noutros países de Europa Central e do Leste seguen a ser chamados raios Röntgen (en alemán, Röntgenstrahlen).
Ao ano seguinte, en 1896, Röntgen fixo unha radiografía da man da súa muller. E deu a volta ao mundo aquela imaxe de falanxes, trapecios e escafoides cun anel matrimonial no dedo anular. Gañaría o Nobel en 1901, pero a Royal Society de Londres concedeulle aquel mesmo ano a medalla Rumford. E, moi pouco despois, a súa tecnoloxía xa estaba en Galicia, causando furor en Pontevedra e Vigo.
O investigador José Enrique Millán leu en Santiago en 2002 a súa tese doutoral sobre a ‘Historia da Radioloxía en Galicia’. E lembra a noticia sobre a exposición na cidade olívica da primeira radiografía: “No escaparate do comercio do señor Fernández Arrero, na rúa do Príncipe, atópanse expostas ao público dende onte dúas copias fotográficas obtidas polo ilustrado médico de Pontevedra D. Ángel Cobián Areal, ao facer a marabillosa aplicación dos raios X sobre unha man e sobre unha caixa”.
[box size=”large”]Os vigueses facían colas para contemplar as radiografías de Cobián Areal[/box]
As imaxes foran tomadas polo fotógrafo Juan Caramés e amosaban unha man cunha agulla que atravesaa un dedo, xunto cunha caixa cirúrxica en cuxo interior se albiscaban unhas agullas e unha xiringa. En certo sentido, a foto era unha homenaxe á histórica primeira radiografía de Röntgen, de quen por certo cabe preguntarse por que lle pediu á súa muller que puxese ela a man para a foto e non puxo a súa propia. Que non podía porque estaba ocupado controlando os aparellos sería unha das explicacións posibles.
Ángel Cobián Areal era un médico pontevedrés moi ben relacionado politicamente, ao punto de chegar a ser alcalde da súa cidade. Por esa razón, e polo seu brillante expediente académico, foi comisionado en marzo de 1896 polo Ministerio de Fomento para viaxar a París e a Berlín para coñecer os últimos avances en medicina. Aínda que a súa intención era estudar os adiantos contra a rabia, a tuberculose e a difteria, atopou en Alemaña o recente descubrimento dos raios X. E non desaproveitou a súa oportunidade, adquirindo un dos primeiros aparellos que chegaron España. En abril de 1897, xa estaba a ofrecer o servizo de radiografías na capital provincial, ao tempo que promocionaba o seu equipo coa referida exposición nun escaparate da rúa do Príncipe, en Vigo.

Máis tarde, Cobián Areal destacaría tamén polas súas investigacións para atallar a rabia, un mal terrible que causaba moitas mortes cada ano en Galicia. Tras contactar co instituto Louis Pasteur de París, Cobián funda en Pontevedra o Instituto Antirrábico Cobián Areal, o primeiro de Galicia, onde tamén trata a difteria. Enfermos de todo o país desprázanse á capital do Lérez para tentar tratar ambas as doenzas. Entre os seus avances principais, destaca a aplicación de “virus vacina” para a vacinación antirrábica. E tamén insistiu ata a súa temperá morte en que a Deputación Provincial construíse un Sanatorio Antituberculoso na illa da Toxa.
A histórica primeira radiografía de Cobián Areal consérvase actualmente no Museo de Pontevedra.
Tras os raios X de Cobián, chegaría a Galicia un segundo equipo en 1901, montado en Ourense polo doutor Francisco Rionegro. Ese mesmo ano, instálase un Gabinete Radiológico no Gran Hospital Real de Santiago. A Vigo, non chegarían os raios X ata o ano 1907, da man do doutor Paz Prado. Anos máis tarde, o doutor Millán Millán ingresará en 1917 na Sociedade Radiolóxica Española, sendo o primeiro galego en acceder a esta distinción.
Pero todo comezara moito antes, menos de dous anos máis tarde de que Röntgen lle pedise á súa muller que metese a man no seu aparello dos ‘Raios Incógnita’. Foi en 1897 cando os vigueses marabilláronse ante un escaparate da rúa do Príncipe cunha tecnoloxía que permitía ver o nunca visto: as interioridades do corpo humano. Eran aqueles raios X que eran medicina pero tamén eran espectáculo.