Ciberseguridade é unha palabra que resulta allea para as persoas non familiarizadas coa informática. De maneira xeral, os usuarios de Internet non tomamos medidas de protección ante posibles ataques. As tecnoloxías avanzan, e con elas, as súas malas prácticas. As intelixencias artificais non son autónomas e detrás delas está un ser humano que ten a responsabilidade do uso destas ferramentas. Os ciberataques son moito máis comúns do que cremos, e son tan difíciles de identificar, que ata os expertos afirman que lles custa recoñecelos. Por exemplo, se nos poñen diante unha imaxe dun rostro real e outra creada cunha técnica de intelixencia artificial, é probable que a estas alturas non as distingamos. Estas imaxes falsas créanse a partir de fotografías e vídeos que compartimos nós, o que quere dicir que estamos brindando información a aquela persoa que se queira facer pasar por nós.
Hoxe intentaremos entender quen está detrás destas prácticas, se estamos protexidos ante os ciberataques, tamén en termos de lexislación, ou se a xente está perdendo confianza para realizar transaccións en liña polo medo a que lle poidan roubar os datos. O recuncho da IA é un podcast de GCiencia en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic). Neste episodio, os científicos Elena Rodríguez Lois e David Vázquez Padín responderán as nosas dúbidas e falarán dos proxectos que están levando a cabo en materia de ciberseguridade.
Episodio realizado por Alba Tomé
Edición: Carlos Tresandí
Escoita O recuncho da IA nas plataformas de pódcast: Spreaker, Spotify, Ivoox, iHeart, Deezer, Podcast Addict, JioSaavn e Podchaser.