Moito se ten falado nos últimos meses do cambio de hora en Galicia, España e Europa. Para abordalo desde unha perspectiva científica, o Consello da Cultura Galega organiza este martes unha xornada científica para abordar a situación despois dos acontecementos que desembocaron na posible eliminación dos diferentes horarios en inverno e verán, segundo a proposta que está desenvolvendo a Comisión Europea.
Na xornada participarán tres recoñecidos expertos neste senso: Rui Jorge Agostinho, director do Observatório Astronómico de Lisboa, profesor de Astrofísica e Astronomía da Universidade de Lisboa e redactor do informe sobre o cambio estacional de hora para o goberno de Portugal; José María Martín Olalla, profesor da Facultade de Física da Universidade de Sevilla; e Jorge Mira Pérez, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e membro do comité de expertos para o estudo da reforma da hora oficial española.
O debate actual comezou hai anos, aínda que tomou forza desde que a principios de 2018 Finlandia solicitou ás institucións europeas a eliminación do cambio estacional de hora, que se realiza dúas veces ao ano en cumprimento dunha directiva europea.

Esa petición desencadeou rápidos acontecementos: en xullo, a Comisión Europea abriu unha consulta pública en internet sobre a supresión do cambio estacional de hora. O resultado foi presentado en agosto e, case de inmediato, o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, anunciou que proporía a súa supresión no conxunto da UE. Ese anuncio sitúa nunha encrucillada os diferentes estados, que están neste momento a analizar as consecuencias da medida.
É racional eliminar esa medida, aplicada durante décadas? Se se suprime o cambio estacional de hora, con cal quedar? Co de verán ou co de inverno? Que ocorrería se Europa perdese a súa estabilidade e coordinación horaria?
A resposta, e as decisións que se tomen baseándose nela, afectarán a todas as persoas do espazo común europeo, sen excepción. A cuestión é, pois, relevante, e a súa resolución esixe unha reflexión pausada polo miúdo, que debe ser tomada logo de adquirir un coñecemento previo dos factores que inciden nela, segundo informa o CCG.
Esta xornada do Consello da Cultura Galega pretende proporcionar ese coñecemento, a través das exposicións de expertos. A achega á que aspira a xornada é facerlles posible aos asistentes responder con solidez argumental á pregunta que lle dá título.
Programa da xornada:
10:15 horas: Presentación
10:30 horas: A hora legal portuguesa e o réxime europeo da hora de verán
Rui Jorge Agostinho, director do Observatório Astronómico de Lisboa, profesor de Astrofísica e Astronomía da Universidade de Lisboa e redactor do informe sobre o cambio estacional de hora para o goberno de Portugal
11:30 horas: Pausa.
12:00 horas: A utilidade e naturalidade do cambio estacional de hora
José María Martín Olalla, profesor da Facultade de Física da Universidade de Sevilla
16:30 horas: A incorrecta interpretación dos sistemas de referencia da medida do tempo e a súa influencia no debate horario. Jorge Mira Pérez, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e membro do comité de expertos para o estudo da reforma da hora oficial española
17:30 horas: Debate
Modera: Iolanda Fernández Casal, xornalista e membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do CCG, con Rui Jorge Agostinho, José María Martín Olalla e Jorge Mira Pérez.