Hai unha serie de elementos que compoñen e inflúen na forma de relacionarnos coa nosa contorna. Ao longo do día realizamos diversas actividades, cotiás ou non: conversar con alguén, facer deporte, conducir… Todas estas accións conteñen estímulos para o noso organismo, e a resposta a eles depende do noso tempo de reacción.
Se, por exemplo, saes a correr por un parque e un can crúzase de súpeto por diante de ti, o teu tempo de resposta é a suma do que tardas en percibir (ver ao can), procesar (asimilar que aí hai un can) e responder (pararte ou desviarte). Esta cadea de procesos desenvólvese, normalmente, en cuestión de milisegundos.
Con todo, hai unha serie de factores que poden influír no tempo de resposta: a percepción do estímulo con claridade, o noso grao de atención e, por suposto, a idade. A familia Portela Ferreirós investigou sobre a evolución do tempo de reacción coa idade para participar na feria Pontenciencia, que ten lugar esta fin de semana na cidade.
A hipótese de Anxo, o pequeno da familia, antes de realizar o proxecto, era que na adolescencia a resposta é máis rápida; mentres que na terceira idade, e nos nenos menores de dez anos, a resposta era máis lenta. E para aclarar esta teoría realizou a súa investigación científica.
A medición do tempo de reacción

Segundo Paula Ferreirós, a nai, o máis complicado foi medir o tempo de reacción. Na busca dunha solución viable, atoparon unha aplicación móbil, que consiste na transición dunha pantalla vermella a unha verde: no momento que cambia de cor, tes que tocar a pantalla, e a aplicación mide o tempo que pasa dende o cambio de cor ata a túa resposta.
Tras cinco medicións, a aplicación elabora a media por persoa, e ese é o tempo de reacción.
Baixo esta metodoloxía mediron o tempo de reacción de 86 persoas (compañeiros de colexio, veciños, amigos, familia e mesmo xente pola rúa) dunha franxa de idade de entre 3 e 86 anos. “É importante ter todos os rangos de idade para poder ir comparando, de xeito que a mostra sexa significativa”, apunta Paula.
Coa media por persoa obtida pola aplicación, realizaron posteriormente unha serie de análises por franxas. O primeiro estudo é en tramos de 10 anos (0-10, 10-20, 20-30…); o segundo é unha división en 3 grupos: menores de idade, adultos en idade activa e persoas da terceira idade. Deste xeito, obtiveron as medias de tempo de reacción para cada un destes segmentos, facilitando así a análise comparativa.
A hipótese inicial fronte ás conclusións
Tras estudar e comparar as mostras, a familia confirmou que unha das dúas hipóteses de Anxo era certa: efectivamente, os pequenos e as persoas de terceira teñen un tempo de reacción maior, polo que a súa resposta é máis lenta. Pero, a diferenza do que pensaba o neno, non son os adolescentes os máis rápidos, senón as persoas de entre 20 e 30 anos.
As persoas con resposta máis rápida son as de entre 20 e 30 anos
Outra evidencia que obtiveron é que hai moi pouca diferenza entre este rango de idade e o de 20-50. “Non sabemos se ampliando moito a mostra esta diferenza sería maior”, apunta a nai; pero Anxo está disposto a pescudalo o ano que vén. O neno ten a intención de mellorar a investigación e ampliar a mostra para participar de novo en Pontenciencia.
A Anxo gústalle moito aprender sobre cousas, o coñecemento, investigar; participar en Pontenciencia era unha boa forma de aprender máis sobre calquera tema, pero sobre todo era un bo proxecto para facer en familia, segundo conta Paula. “Facelo en familia foi moi enriquecedor para nós”, conclúe.