Martes 28 Novembro 2023

O líder do LHC Lyn Evans, na Semana da Ciencia do IGFAE

O organismo desenvolve do 11 ao 16 de novembro a segunda edición da Semana da Ciencia con varias charlas sobre física de partículas

Santiago de Compostela acolle esta semana a segunda edición da Semana da Ciencia que organiza Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Serán actividades dirixidas a pequenos e maiores para achegar á sociedade á investigación no campo da física de partículas, astropartículas e física nuclear a través de distintas actividades, organizadas co obxectivo de fomentar a cultura científica na cidadanía galega e vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxenería e Matemáticas) entre os máis novos.

Nesta edición o programa vertebrarase arredor dos aceleradores de partículas xa que se cumpren agora 90 anos do primeiro deles: o ciclotrón de Ernest Lawrence. O convidado que inaugura este luns a Semana da Ciencia é o líder da construción do LHC do CERN, o físico galés Lyn Evans, que dará unha charla gratuíta para todos os públicos no auditorio Abanca ás 20 horas sobre o maior colisionador de partículas do mundo, “unha marabilla da tecnoloxía”, tal e como di o título da conferencia. A sesión terá tradución simultánea a galego e castelán.

Lyn Evans falará sobre como se deseñou e construíu este instrumento científico de dimensión descomunal, co que se puxo fin a máis de 40 anos de procura do bosón de Higgs. Agora, o CERN está cavilando sobre cal será o novo proxecto despois do LHC, con posibilidades como a construción dun acelerador lineal de 100 quilómetros. Esta e outras cuestións fundamentais como a orixe da masa e a sutil diferenza entre a materia e a antimateria que nos permitiron existir centrarán a charla de

O martes será o momento da física teórica e cineasta Ágnes Mócsy cun coloquio para explorar as interseccións arte-ciencia, que terá lugar ás 20 horas no CGAC. Mócsy, física teórica, cineasta e comunicadora, conta con traballos de gran relevancia sobre o estado do universo uns microsegundos despois do Big Bang. Dedícase desde hai dez anos ao estudo da intersección entre arte e ciencia, así como á inclusividade de orixe e de xénero na ciencia.

Para o mércores está prevista ás 21 horas na Nave de Vidán unha nova sesión da Nerdnite, esta vez centrada na temática de aceleradores de partículas. Xa o xoves ás 18 horas celebrarase a entrega de premios do II Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, coa exposición dos monólogos dos participantes. Ao finalizar, ás 20:00 horas, a investigadora Pía Zurita da Universität Regensburg impartirá o seminario “Protón e núcleos: canto sabemos realmente?”, dirixido ao alumnado de Física. E o venres, Ágnes Mócsy participará de novo cun coloquio sobre a diversidade na ciencia. A semana pecharase o sábado cunha xornada de portas abertas nos centros singulares da USC.

A charla de Lyn Evans poderá tamén seguirse en directo nesta ligazón.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

Un equipo galego participa nun ensaio pioneiro para reducir os efectos negativos da radioterapia

O proxecto pretende xerar altas doses de radiación ultrarrápida, coñecida como "radioterapia flash", mediante protóns acelerados por láser

Unha chuvia imperceptible de raios cósmicos

En Malargüe, Arxentina, hai un detector de partículas que proceden doutras galaxias e caen sobre nós despois dunha viaxe de millóns de anos

Héctor Álvarez, especialista en física nuclear: “A nova fusión é un progreso histórico”

O investigador principal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías ensalza a potencialidade do logro científico pero advirte que a súa comercialización “aínda queda lonxe”