A exposición ‘Investigadoras na luz e nas tecnoloxías da luz’, inaugurada este martes na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo, onde permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 14 de decembro, contribúe a dar visibilidade a mulleres científicas que ao longo da historia destacaron e contribuíron ao desenvolvemento deste campo científico.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo, e a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da UDC e unha das promotoras desta mostra, Ana Jesús López Díaz, salientaron no acto de apertura que un dos obxectivos desta mostra, que chega a Lugo da man da Oficina de Igualdade de Xénero e da Vicerreitoría de Servizos Universitarios do campus de Lugo, pasa por rachar cos estereotipos masculinizados que aínda persisten no ámbito da investigación.
A mostra ‘Investigadoras na Luz e nas tecnoloxías da luz’, cuxo título coincide co da declaración do ano 2015 como o Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz, pretende tamén, ademais de facer visibles e dar relevancia a mulleres destacadas neste eido da ciencia, favorecer a promoción e empoderamento da muller na ciencia, ademais de servir de impulso e acicate para fomentar novas vocacións científicas entre o estudantado feminino, maioritario na USC.
Con estas motivacións, ‘Investigadoras na luz e nas tecnoloxías da luz’ é o froito do traballo realizado por un grupo de persoas pertencentes ao Grupo de Mulleres en Física da Real Sociedade Española de Física (RSEF) e á Sociedade Española de Óptica (SEDOPTICA), un equipo de traballo que se ocupou da organización desta exposición e tamén da escolma das mulleres nela recoñecidas.
[box size=”large”]A mostra recolle os fitos das grandes investigadores nas tecnoloxías da luz[/box]
Daquela, aínda que non están todas, ‘Investigadoras na luz e nas tecnoloxías da luz’, pon o foco en máis dunha ducia de destacadas científicas, tales como Madame de Châlet, quen traduciu ao francés os ‘Principia Mathematica’ de Newton; Martha Coston, pioneira no deseño e na fabricación dun sistema de comunicación baseado en bengalas luminosas para a navegación, ou Henrietta Swan Leavitt, que descubriu o camiño para coñecer o tamaño da nosa galaxia e a escala do universo.
Hedwig Kohn, que realizou un minucioso traballo en espectrometría e pirometría, hoxe considerados estándares de iluminación; Katherine Burr Blodgett, que inventou os cristais antirreflexantes; Yvette Cauchois, que creou un espectrógrafo de raios X que permitiu descubrir novos elementos do sistema periódico, e Maria Goppert Mayer, que deu nome á unidade de sección de absorción de dous fotóns, son outras das mulleres presentes nesta mostra.
Esta escolma de investigadoras que traballaron ciencias da luz, a óptica e as tecnoloxías baseadas na luz, inclúe tamén nomes como Marie Luise Spaeth, inventora do láser sintonizable de colorante e creadora dos telémetros láser; Rosalind Franklin, que obtivo a famosa Fotografía 51, que probou experimentalmente a estrutura helicoidal do ADN mediante difracción de raios X; Martha Jane Bergin Thomas, que mellorou as fontes de iluminación, sobre todo lámpadas e tubos fluorescentes; Jean McPherson Bennet, pola súa achega de ideas orixinais e de referencia no estudo das superficies ópticas, ou Jocelyn Bell Burnell, que descubriu os “faros” do universo, os púlsares.
Lugo acolle unha mostra sobre científicas destacadas no estudio da luz
