Nunha contorna de numerosos xacementos arqueolóxicos, ao pé ermida de San Salvador das Rozas, no concello ourensá de Monterrei, sitúase a necrópole de Medeiros. O enclave intúese como “un dos mellores xacementos galegos para afondar no coñecemento arqueohistórico da época suevo-visigótica”, de transición entre a Antigüidade e o Medievo.

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT da Universidade de Vigo comezou este venres os traballos de intervención arqueolóxica na necrópole. Un equipo de oito persoas traballará ata o día 23 na contorna da ermida de San Salvador das Rozas co obxectivo de estudar e valorizar o xacemento dunha etapa especialmente escura da historia de Galicia. Os traballos desenvolvidos no primeiro día de intervención consistiron na realización de varias catas na contorna da ermida e no comezo dos traballos de estudo e restauro das laudas. A iniciativa é froito dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Monterrei.
A dirección do proxecto corre a cargo de Fermín Pérez, profesor de Arqueoloxía da Facultade de Historia e investigador principal do grupo GEAAT, e a dirección da intervención é de Patricia Valle, investigadora da Universidade de Vigo que está a realizar a súa tese de doutoramento sobre as necrópoles galegas. As actuacións e traballos previstos dentro do proxecto consisten na documentación fotogramétrica dos sartegos e laudas, na escavación de sondaxes valorativas no adro da igrexa e na realización de actividades de difusión e dinamización cultural. Con elas búscase incrementar o coñecemento arqueohistórico desta etapa e desta necrópole, descuberta en 1984 e da que só existe un artigo feito por Antonio Rodríguez Colmenero: conseguir datar e caracterizar as necrópoles deste período mediante a escavación arqueolóxica, a análise estratigráfica e o estudo de materiais, e a difusión dos resultados da intervención.
[box size=”large”]Búscase a conservación, estudo e dinaminazación cultural do patrimonio[/box]
En primeiro lugar, levarase a cabo o estudo, rexistro e documentación das pezas arqueolóxicas actualmente existentes no xacemento: cinco sartegos monolíticos, nove laudas decoradas (completas ou fragmentadas), catro fragmentos de tampas lisas e outros catro fragmentos de fustes graníticos. Os labores de conservación-restauración consistirán na limpeza das pezas, a consolidación de superficies onde sexa necesario e no pegado de pezas fragmentadas mediante pernos metálicos e resinas sintéticas. Tamén se procederá ao seu rexistro minucioso e exhaustivo mediante fotogrametría 3D para obter imaxes tridimensionais ultraprecisas. Posteriormente tamén se procederá ao estudio convencional das pezas (tipoloxía, motivos decorativos, epígrafes e material de soporte) na procura de coñecer a súa cronoloxía, significado simbólico, talleres de produción, etc.). Unha vez rematada a intervención, as pezas serán trasladados á caseta tellada construída na banda norte da igrexa para a custodia e exhibición dos mesmos.
A escavación arqueolóxica consistirá en varias sondaxes valorativas no adro da igrexa. Segundo explicaron os responsables do proxecto, están previstas cinco sondaxes nunha superficie total de 33 metros cadrados escavados. A ubicación das mesmas a carón da igrexa ten como obxectivo valorar a relación das tumbas coas cimentacións visibles, pertencentes presumiblemente ao orixinario oratorio ou capela paleocristiana. En principio, sinalan os arqueólogos, non se prevé a extracción de ningunha estrutura inmoble (sartego ou tampa), que se rexistrarán e conservarán preferentemente in situ. Posteriormente, no laboratorio procederase ao estudo e interpretación de todos os datos obtidos. As sondaxes arqueolóxicas, unha vez rematadas, serán delimitadas e cubertas con xeotéxtil, procedéndose despois ao seu reenterramento coas terras procedentes da propia escavación, ata recuperar o nivel orixinario do terreo.
[box size=”large”]Utilizarase a política “aberto por obras” para a difusión cultural do proxecto[/box]
Complementariamente á realización do proxecto levaranse a cabo actividades de difusión e dinamización cultural. Coa política de “aberto por obras”, durante a intervención de campo haberá atención diaria e visita guiada gratuíta ao público visitante. Está prevista asemade unha visita guiada específica para os veciños de Medeiros durante o penúltimo día da intervención. Tamén haberá tres obradoiros didácticos para escolares da comarca. Por último, organizarase unha xornada monográfica divulgativa sobre o patrimonio arqueolóxico do Támega, destinada á presentación pública dos resultados das intervencións e proxectos arqueolóxicos acometidos.
A intervención de campo (documentación fotogramétrica e sondaxes arqueolóxicas) terá unha duración estimada de dúas semanas, do venres 10 de xuño ao xoves 23 de xuño de 2016. As actividades de difusión e dinamización cultural, o estudo de estruturas e materiais e a elaboración de informes e memorias da intervención durarán ata maio de 2017, data de remate do proxecto. O persoal da Universidade de Vigo que participa no proxecto está constituído, ademais por Fermín Pérez e Patricia Valle, por tres bolseiros de investigación/colaboración contratados con cargo ao proxecto, dous arqueólogos e unha conservadora-restauradora.