Martes 28 Novembro 2023

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea ao economista Manuel Colmeiro y Penido

 A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) conmemora o Día da Ciencia en Galicia o vindeiro 4 de outubro. Celebrará un acto central en Santiago, no Salón Nobre de Fonseca, en homenaxe a Manuel Colmeiro y Penido, nomeado como “Científico Galego do Ano” pola Academia pola súa “contribución ao cambio económico e social en Galicia e España”.

Manuel Colmeiro (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) licenciouse en Dereito e doutorouse en Leis na facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Foi profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC desde 1840. Con tan só 29 anos foi nomeado catedrático de Economía Política e Dereito Político e Administrativo na USC e de Dereito Político e Administrativo na Universidad Central de Madrid, onde ocupou a súa cátedra ata 1881. 

A finais de 1842 foi nomeado socio de mérito da Real Sociedade Económica de Santiago, desde onde formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia.

Un gran científico social que buscaba “o benestar tan xeral como fose posible”

Retrato de Colmeiro por Manuel Mampaso.

Consciente de que a desamortización de Mendizábal de 1836 non daba unha resposta para  a modernización do agro galego, foi o primeiro economista en albiscar a vía que debería seguirse, avogando pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo.

Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico. Non é ata 30 anos mais tarde que se publica a primeira lei de redención de foros e terían que pasar outros 50 ata que o sistema foral quedara definitivamente abolido en Galicia.

Colmeiro foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. Anhelaba un modelo de sociedade máis aberta, con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “facer o benestar tan xeral como fose posible”. Así, entre outros aspectos, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, así como o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”.

Deputado, senador, conselleiro de Estado e fiscal do Tribunal Supremo

Manuel Colmeiro amosou unha gran dedicación respecto dos asuntos económicos. A súa presenza nas institucións, academias e círculos que integraban a vida cultural e política española foi considerable, brindándolle múltiples oportunidades de analizar e debater propostas de reformas para encarar os profundos cambios económicos e sociais derivados da crise do Antigo Réxime, a construción dunha nova economía e a necesidade de posicionar España ante a industrialización europea. Foi deputado electo e senador electo pola provincia de Pontevedra (varias lexislaturas desde 1865), conselleiro de Estado, senador vitalicio e fiscal do Tribunal Supremo.En 1992 a Xunta de Galicia creou o Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación sobre a Administración pública.

Durante o acto proxectarase un vídeo centrado no homenaxeado

Durante o evento, que comezará ás 12:00 horas, impartirá unha conferencia en torno á figura do homenaxeado Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC. Ademais, no transcurso do acto proxectarase un vídeo centrado na súa traxectoria vital e profesional. E farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a Real Academia Galega de Ciencias. 

O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a promoción social da ciencia, salientando a vida e actividades das personalidades que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento científico na nosa comunidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un día para honrar a Colmeiro, o motor do cambio económico na Galicia do século XIX

A Academia de Ciencias homenaxea o economista Manuel Colmeiro y Penido nun acto celebrado en Santiago para conmemorar o Día da Ciencia en Galicia

“Colmeiro estivo comprometido co seu tempo e coa modernización económica, social e política”

O economista Juan Quintás analiza a figura de Manuel Colmeiro y Penido, o sobresaínte científico social que protagoniza o Día da Ciencia en Galicia

Galicia homenaxea o economista Manuel Colmeiro

A Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia cun acto en Santiago que porá en valor a figura do salientable científico social

A Academia de Ciencias e GCiencia lanzan unha nova edición da revista ‘A Ciencia en Galicia’

A publicación presentarase este mércores co gallo dos actos de celebración do Día da Ciencia en honor ao economista Manuel Colmeiro y Penido