Martes 28 Novembro 2023

Cinco proxectos científicos de institutos galegos “viaxarán” á base española na Antártida

O CSIC premia a alumnado da Coruña, Lugo e O Grove no seu certame "AntarcticLab"

Cinco proxectos científicos deseñados por alumnado galego “viaxarán” á Antártida grazas ao certame AntarticLab que convoca o CSIC. As propostas seleccionadas, creadas por estudantes da Coruña, Lugo e O Grove, embarcarán no buque Hespérides rumbo á base española Juan Carlos I, na Antártida. Os prototipos e materiais para realizar os ensaios, que se desenvolverán na campaña 2023-2024, poñerán rumbo ao seu destino a mediados de novembro.

As propostas seleccionadas son Medición da calidade do aire no interior da Base Antártica Española, do CIFP As Mercedes (Lugo), sobre a que recaeu o primeiro premio. Este proxecto xorde das condicións climatolóxicas extremas do lugar e, sobre todo, da necesidade de desenvolver o traballo diario nunha situación de confort. O alumnado lucense propón realizar unha medición e control da calidade do aire no interior da base española.

Os dous accésits recaeron nas dúas iniciativas presentadas polo IES Urbano Lugrís (A Coruña). Unha delas, Smart Person Tracking LoRaWAN, pretende contribuír á mellora da seguridade persoal, especialmente en situacións de emerxencia ou perigo. O seguimento intelixente de persoas mediante tecnoloxía LoRaWAN ten un gran potencial para salvar vidas e reducir o risco de lesións ou danos persoais. En segundo lugar, o IES Urbano Lugrís presentou Observación e control da poboación de liques antárticos, que pretende proporcionar as ferramentas auxiliares necesarias para poder realizar estudos permanentes das diversas especies de liques existentes na Antártida.

Finalmente, seleccionáronse outros dous proxectos. Por un lado a iniciativa Positivízate!!, do CIFP Universidade Laboral (A Coruña). É un proxecto multidisciplinar e multinivel que pretende utilizar as novas tecnoloxías, especialmente programación en C++ e deseño e impresión en 3D para crear sinerxías educativas entre distintos niveis, axudando a autoestima individual e de grupo, especialmente na FP Básica.

Por outro, o proxecto Multisens, do IES Monte da Villa (O Grove), que utiliza a tecnoloxía LoRa (Long Range Wide Area Network) para recoller e transmitir datos de diferentes sensores conectados a módulos Arduino. Os sensores poden ser de calquera tipo (por exemplo, temperatura, humidade ou presión), tan só deben dispoñer dunha interface compatible con Arduino, ou que se poida realizar un acondicionamento para o seu uso. Desta forma, créase unha rede de sensores inalámbricos de longa distancia, da orde de varios quilómetros, sen necesidade de infraestrutura previa.

O concurso

A participación, nos cinco casos en modalidade de equipo, realizouse nas dúas categorías ás que se podía optar: outdoor, con propostas de instrumentos para a observación da contorna ou deseños experimentais que permitan determinar o efecto do medio sobre materiais e/ou estruturas; e indoor, con propostas de dispositivos ou experimentos destinados a monitorizar condicións e/ou sistemas vitais das instalacións ou interaccionar co persoal da Base, co fin de mellorar e aumentar o seu grao de sustentabilidade e habilitabilidad.

O certame, cuxo obxectivo era dar visibilidade e poñer en valor as capacidades da Formación Profesional a través do desenvolvemento de instrumentos ou do deseño de experimentos, desenvolveuse a través de varias fases: presentación de propostas e desenvolvemento por escrito da idea; construción do proxecto (prototipo ou deseño experimental); entrega e presentación de cada proposta a través de vídeos divulgativos e a fase final: embarque dos prototipos e materiais dos ensaios no Buque Oceanográfico Hespérides, con destino á Base Atlántica Juan Carlos I, para a campaña 2023-2024.

O CSIC puxo en marcha hai un ano o certame AntarticLab, promovido desde a súa Delegación Institucional en Galicia e a Unidade de Tecnoloxía Mariña coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia no marco do Plan Proxecta+ e o apoio tecnolóxico da empresa tecnolóxica Marine Instruments. A iniciativa enmárcase no “Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible 2021-2030”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo deseña un antiinflamatorio substituto dos corticoides

O composto, creado por un grupo liderado polo CSIC e a Universidade Politénica de Valencia, ten menos afectos adversos e toxicidade

Un compromiso coa comunicación científica de calidade

A delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González Sotelo, destaca o traballo de Gciencia durante os seus primeiros dez anos

Demostrada a eficacia dun novo fármaco contra o cancro de colon

Os investigadores desenvolveron un medicamento dirixido contra a proteína CD98hc, unha nova diana terapéutica presente na superficie das células tumorais

Revelan o papel clave das modificacións de ARN na loita contra o cancro de próstata

Un equipo do CSIC mostra que inhibir o encima METTL1 frea o desenvolvemento do cancro de próstata e mellora a eficacia dos tratamentos oncolóxicos