Martes 28 Novembro 2023

A galega Innopharma aumenta a súa capacidade para o desenvolvemento de fármacos

A Xunta de Galicia dota con cinco millóns de euros a esta plataforma nos últimos tres anos a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

A Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, liderada desde o CiMUS da USC polos investigadores Mabel Loza e Ángel Carracedo, incrementou a súa capacidade e competitividade internacional. Este fito foi posible a través da dotación de cinco millóns de euros por parte da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia nos últimos tres anos a través do Fondo REACT-UE dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

“Con este financiamento, a Plataforma Innopharma poderá continuar cumprindo co seu obxectivo de contribuír a que novos fármacos cheguen aos pacientes, ofrecendo aos grupos de investigación biomédica do Sistema Universitario de Galicia e dos Institutos de Investigación Sanitaria, así como á comunidade científica en xeral o seu apoio na xeración de produtos e servizos orientados á saúde”, indicou Mabel Loza durante a súa intervención no evento de presentación da actualización e ampliación da Plataforma Innopharma.

O acto tivo lugar hoxe no CiMUS coa participación da Vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; a directora de Gain, Patricia Argerey, o representante da empresa ABAC Therapeutics, Domingo Gargallo, e os coordinadores deste proxecto, Ángel Carracedo e Mabel Loza.

Plataforma Sostible de Altas Capacidades

Desde a súa creación a plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma incorporou as tecnoloxías máis novas e punteiras, o que permitiu que se acreditase como Plataforma de Altas Capacidades do Consorcio Europeo de Infraestruturas de investigación do ERIC EU-OPENSCREEN. “Os avances tecnolóxicos dos últimos anos fan necesaria a incorporación das distintas tecnoloxías e a dixitalización de procesos para gañar eficiencia no proceso e reducir a xeración de residuos contaminantes”, sinala Mabel Loza.

O financiamento recibido permitiu adquirir e actualizar o equipamento científico-técnico do proxecto; contratar persoal especializado no manexo das novas tecnoloxías e acondicionar as instalacións ao novo equipamento adquirido.

O financiamento permitirá actualizar o equipamento científico-técnico do proxecto: Foto: CiMUS

Loza e Carracedo explican que os fondos recibidos permitiron incorporar metodoloxías e tecnoloxías automatizadas compatibles con tratamento por Big Data, coa finalidade de aumentar a capacidade do sistema de I+D+i galego para o descubrimento temperán e desenvolvemento de fármacos en Galicia e fortalecer así o sistema sanitario galego con infraestruturas necesarias para acelerar este proceso.

Ademais, esta plataforma ERIC de farmacoxenómica da USC permite a captación de proxectos internacionais, así como desempeña un papel relevante no desenvolvemento de tecnoloxías translacionais automatizadas con infraestruturas de investigación de vangarda.

Obxectivo: automatización con infraestruturas e especialistas a medida

No que á adquisición e actualización do equipamento científico-técnico se refire incorporáronse sistemas de dixitalización dos procesos de traballo no laboratorio; sistemas de automatización de xestión de compostos; sistemas de automatización da xestión de placas de ensaio mediante a utilización de tecnoloxías de dispensación por ultrasón e sistemas automatizados de microscopía de alto rendemento. Tamén se adquiriron servidores para a análise e almacenamento de imaxes de microscopía de fluorescencia; novos equipos para a análise do efecto de compostos mediante citometría de fluxo e tecnoloxía de cribado de alto rendemento baseado en espectrometría de masas.

A actualización do equipo de fluorescencia en tempo real para a súa utilización no estudo de cribado sobre cardiomiocitos e neuronas; o equipamento de cuantificación da actividade eléctrica das células e de xenotipado en tempo real de alto rendemento e robotización; os sistemas de refrixeración e de incubación de cultivo celular; a plataforma automatizada para a análise en tempo real do metabolismo celular e a función mitocondria e equipamento adicional para a realización de ensaios secundarios de validación de hits, forman parte tamén das novas incorporacións tecnolóxicas.

A adquisición deste novo equipamento conlevou a incorporación de persoal especializado tanto para a súa posta en marcha como para o seu manexo, a través da contratación dun equipo de sete investigadores e un equipo de catro especialistas en TIC. Ademais, acondicionáronse as instalacións dacordo ás novas necesidades, adaptando os espazos e o mobiliario do laboratorio ao uso dos novos equipos.

Aumentar a competitividade do sector

Ademais de apoiar os equipos de investigación biomédica das universidades de Galicia e institutos de investigación sanitaria na creación de produtos e servizos orientados á saúde, Innopharma busca espertar o interese de empresas tractoras e novos profesionais para xerar emprego cualificado, aumentando a competitividade do sector.

Concretamente, a nova dotación que permite a xestión automatizada de millóns de compostos/fármacos, xa xerou un convenio de colaboración/Unidade Mixta coa compañía ABAC Therapeutics para o cribado de coleccións de compostos co obxectivo de identificar novas moléculas, futuros antimicrobianos, que sexan activas contra as bacterias resistentes, o que constitúe actualmente un dos principais problemas de saúde Global.

Actualmente esta plataforma consta dunha infraestrutura de alto rendemento para o cribado de fármacos, con profesionais altamente especializados, e dunha colección de 60.000 moléculas para o desenvolvemento de proxectos neste ámbito. As súas capacidades propiciaron acordos con decenas de centros de investigación e empresas por todo o mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

X = Gciencia

A decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, escribe un tribuna polo décimo aniversario do noso medio

Unha ponte entre a cidadanía e a ciencia

O reitor da Universidade de Santiago felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario