Martes 28 Novembro 2023

O virus hemorráxico das vacas chega a Galicia: “Non hai vacinas nin tratamento”

A Xunta confirma dous casos na Capela e en Abegondo dunha enfermidade con taxas de mortalidade de ata o 10% nalgúns ruminantes

Non hai vacinas, non ten tratamento e é moi difícil controlar a súa transmisión. Así describe o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago (USC), Gonzalo Fernández, a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE); unha doenza que acaba de detectarse por primeira vez en Galicia. Os dous primeiros casos confirmáronse en granxas de vacún da Capela e de Abegondo, dado que esta enfermidade só afecta os ruminantes. Os máis prexudicados son os cérvidos, con taxas de mortalidade que poden acadar o 10% mentres que as vacas, tamén susceptibles á enfermidade, non adoitan ter unha letalidade tan alta. “No gando vacún provoca unha sintomatoloxía leve pero ao haber infección na explotación, pode haber unha baixada na produción durante uns días”, explica o decano da USC.

Hai tan só un ano que a enfermidade apareceu por primeira vez en Europa. Foi a illa de Sardeña a primeira en dar a voz de alarma o 10 de novembro de 2022 e tan só oito días despois era o sur de España o que anunciaba a detección dos primeiros casos. Ao longo deste último ano, a doenza foise estendendo progresivamente polo territorio peninsular ata chegar a Galicia. En realidade era cuestión de tempo, dado que é moi difícil frear a súa expansión. “A enfermidade transmítese pola picadura de insectos do xénero Culicoides pero nunca de animal a animal e, como non é unha zoonose, tampouco afecta as persoas”, sostén o experto da USC.

No que respecta á súa sintomatoloxía, Fernández compáraa coa enfermidade da lingua azul porque pode provocar edemas e lesións na lingua, así como problemas reprodutivos e afectación das vías respiratorias. O máis preocupante a este respecto é que non existe nin un tratamento efectivo nin tampouco unha vacina que preveña a enfermidade. “Normalmente afecta a animais salvaxes, por iso non se desenvolveron terapias”, confirma o decano de Veterinaria. O único modo de actuar, polo momento, é establecer sistemas de vixilancia para identificar os casos activos e coñecer a distribución da enfermidade. “É complexo establecer un programa efectivo cando se trata dunha doenza que tamén afecta a animais salvaxes”, recoñece Fernández, poñendo de manifesto as dificultades para frear a súa expansión.

“A enfermidade transmítese pola picadura de insectos do xénero Culicoides pero nunca de animal a animal”

GONZALO FERNÁNDEZ, decano da Facultade de Veterinaria da USC

Malia o impacto da EHE no gando vacún, e as previsibles perdas económicas que poida ocasionar nas granxas, a mortalidade non é tan elevadada como nos cérvidos. Segundo o decano de Veterinaria, non se sabe como está afectando á poboación de corzos en Galicia, dado que hai máis exemplares que de cervos, ao contrario que no sur de España. “É complicado determinar a taxa de mortalidade nun animal silvestre”, apunta Fernández que, con matices, di que pode oscilar entre o 1% e o 10% nos cervos. De feito, foi nestes animais nos que se detectou por primeira vez a enfermidade, en Estados Unidos no 1955. Segundo explica o microbiólogo Raúl Rivas nun artigo de The Conversation, identificouse cando cando varios centos de cervos de cola branca (Odocoileus virginianus) apareceron mortos en Nova Jersey e Míchigan. 

Como evitala?

Dada a falta de tratamentos e vacinas para abordar a enfermidade, Fernández achega unha serie de consellos para evitar que o gando vacún se infecte. O veterinario fai fincapé en que os Culicoides non son mosquitos e, polo tanto, non se multiplican na auga estancada, senón na materia orgánica. “No que respecta aos repelentes de insectos, aplicalos en extensivo é moi complicado pero en intensivo é máis doado. Son medidas que se poden aplicar para evitar o risco pero o máis importante é saber en que zonas están os insectos transmisores para tomar medidas máis estritas”, apunta o decano de Veterinaria. Amais destes consellos, dende a Xunta de Galicia piden a comunicación “inmediata” á Consellería de Medio Rural da detección de animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade.

Non, non é covid das vacas

Outro dos puntos que salienta Fernández é que a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) está a ser comparada nos medios co coronavirus, trasladando a idea da covid das vacas. “Non se parece en nada”, sostén o decano de Veterinaria. En primeiro lugar, o vector de transmisión é un insecto do xénero Culicoides, e non a través de pingas nin partículas respiratorias como no caso do SARS-CoV-2. En segundo lugar, non se transmite de exemplar a exemplar, como acontece co coronavirus, que é altamente infeccioso e pasa dunha persoa a outra. E, finalmente, a diferenza fundamental: a EHE non é unha zoonose e, por tanto, non infecta os humanos, como si ocorreu co coronavirus, provocando unha pandemia mundial en 2020 cuxos efectos aínda arrastramos hoxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

X = Gciencia

A decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, escribe un tribuna polo décimo aniversario do noso medio

Unha ponte entre a cidadanía e a ciencia

O reitor da Universidade de Santiago felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

O catedrático da USC Carlos Diéguez ingresa na Academia de Ciencias

O investigador galego é un referente mundial no estudo da obesidade e publicou máis de 500 traballos en revistas internacionais