Martes 28 Novembro 2023

Un ensaio da USC reduce nun 80% as emisións contaminantes dos xurros de porco

A tese de Miguel Fernández Labrada tamén analiza os cambios rexistrados durante o tratamento para o seu uso como fertilizante ou auga rexenerada

Unha investigación desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) permite reducir en máis dun 80% as emisións de gases contaminantes dos xurros de porco, segundo conclúe o enxeñeiro agrónomo polense Miguel Fernández Labrada na tese de doutoramento Xestión agronómica e ambiental de xurros de porco. Tratamentos en fosa e dixestión anaerobia, dirixida polos profesores Adolfo López Fabal e María Elvira López Mosquera.

As pescudas realizadas por Fernández Labrada co triple obxectivo de atopar alternativas para reducir a carga de nutrientes en áreas con elevada produción de xurros porcinos debido ao incremento do tamaño das explotacións, ademais de para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco derivadas da aplicación e manexo destes xurros, presentan unha marcada orientación práctica e prevén ofrecer respostas ao progresivo incremento das explotacións intensivas de porcino que, cada vez, xeran un maior volume de xurros.

A actual xestión dos residuos orgánicos producidos nas granxas de porcino cínguese ao seu almacenamento en foxas até a súa aplicación a campo como fertilizante. A gran variabilidade na composición dos xurros porcinos dificulta o axuste dos nutrientes achegados ás necesidades de cada cultivo, merma a súa eficiencia como fertilizante e causa impacto ambiental, dado que o xurro sofre perdas gasosas tanto durante o seu almacenamento como trala súa aplicación no terreo, sinala Fernández Labrada.

O ensaio deste enxeñeiro agrónomo apunta tamén a pertinencia de aproveitar os xurros de porco que se producen en áreas de alta concentración gandeira, cuxos terreos acostuman ser excedentarios en nutrientes, para rexións agrícolas máis deficitarias. Para acadar este cometido, a investigación propón abaratar o transporte de nutrientes, a través da súa concentración e da optimización da xestión da fracción líquida resultante.

Caracterización dos xurros

A caracterización do valor agronómico dos xurros producidos en Galicia e a valoración dos principais riscos asociados ao seu uso fíxose a partir de estimacións dun estudo no que se tomaron 128 mostras de 32 granxas de tres tipos (nais con leitóns, leitóns e porcos de engorde) durante dous anos. Así, logo de analizar as propiedades fisicoquímicas, bacterioloxía, metais pesados, macronutrientes e micronutrientes dos xurros, Fernández Labrada identificou como principais riscos o elevado contido en metais pesados (cobre e zinc), especialmente no xurro de leitóns, e elevados niveis de positividade en Salmonella spp. A investigación desenvolve asemade modelos de estimación que permite ao agricultor coñecer de forma rápida a riqueza dos xurros.

O estudo das modificacións dos xurros de porco logo do seu tratamento fíxose nunha planta piloto de separación —dixestión anaerobia— microfiltración para obter un dixestato utilizable como fertilizante líquido concentrado e auga rexenerada. O tratamento da fracción líquida do xurro na planta incrementou en 7,2 veces a materia seca e o dixestato concentrado mostrou unha dinámica de mineralización de nitróxeno similar aos xurros sen tratar.

A avaliación da eficacia de tratamentos aplicados na foxa para a redución das emisións gasosas dos xurros tanto na fase de almacenamento como na posterior aplicación ao campo permitiu estudar o efecto do achegue de distintos aditivos aos xurros (un bioactivador a base de microorganismos, biochar aplicado en superficie, ácido sulfúrico e cloruro férrico) para coñecer o seu efecto mitigador sobre as emisións gasosas do xurro durante o seu almacenamento. As medicións realizadas mediante cámara dinámica durante tres meses permitiron constatar un notable incremento da materia seca e unha sensible redución das emisións gasosas, un comportamento que tamén se mantivo estable logo da aplicación deste material resultante sobre o terreo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

X = Gciencia

A decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, escribe un tribuna polo décimo aniversario do noso medio

Unha ponte entre a cidadanía e a ciencia

O reitor da Universidade de Santiago felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

O catedrático da USC Carlos Diéguez ingresa na Academia de Ciencias

O investigador galego é un referente mundial no estudo da obesidade e publicou máis de 500 traballos en revistas internacionais