Un río atmosférico está apuntando de novo cara a Galicia e está cargando de humidade unha fronte que deixará chuvias intensas en boa parte do territorio na primeira metade da semana. De feito, Meteogalicia alerta de que se producirán precipitacións “moi persistentes e localmentente fortes” nas provincias atlánticas, con acumulados de máis de 40 l/m2 en tan só 12 horas. Tal é así que activou o aviso laranxa por chuvia na Costa da Morte e a alerta amarela no litoral, na provincia da Coruña, na Mariña lucense e nalgúns concellos do leste de Pontevedra por vento. A situación prolongarase ata a metade da semana, cun aviso amarelo que permanecerá activado este martes por ondas e vento. Aínda que o prognóstico é incerto, espérase que a estabilidade chegue a Galicia o xoves, cunha baixada importante das temperaturas.
En contraste coa situación que vivirá Galicia na primeira metade da semana, no resto de España predominará o tempo seco. Isto débese, segundo explica o meteorólogo Mario Picazo nun artigo publicado en Eltiempo.es, a que as borrascas están a desprazarse por latitudes máis altas do Atlántico norte. É dicir, que as súas frontes asociadas impactarán en Galicia, especialmente nas provincias atlánticas, que é onde máis chuvia se rexistrará ata o mércores. Pola contra, en España haberá un ambiente de estabilidade e predominará o denominado “verán de San Martiño”. En Meteored alertan de que o termómetro pode chegar ata os 26 graos en toda a costa mediterránea e en Canarias superaranse os 30 graos, sobre todo nas illas orientais. O martes seguirán subindo as temperaturas. En Galicia manteranse en valores estables e sen cambios significativos.
Máis auga
Os galegos levan un mes vendo chover de maneira case initerrompida. O escenario non prevé cambiar na primeira metade desta semana, dado que o luns Galicia continuará baixo a influencia das baixas presións. É dicir, haberá abundantes precipitacións, sobre todo na vertente atlántica, e especialmente na provincia da Coruña, onde está activada a alerta laranxa por acumulados de ata 40 l/m2 en 12 horas. Esta fronte continuará afectando a Galicia durante a xornada do martes, pero irase retirando conforme avance a tarde. As temperaturas nestes dous primeiros días da semana serán suaves e, de feito, Vigo acadará os 21 graos. As mínimas tamén se manteñen estables.
O mércores será unha xornada intermedia, na que Galicia estará situada entre as baixas e as altas presións. De todos modos, agárdase chuvia, dado que entrará unha fronte pola noite. As horas nocturnas serán nas que máis vai chover. No que respecta ás temperaturas, sufrirán un descenso considerable, especialmente as mínimas. De cara ao xoves, segundo a previsión de Meteogalicia, espérase que as altas presións bloqueen a chegada de novas frontes dende o atlántico. Polo tanto, espérase que a partir da segunda metade da semana predomine o tempo seco. A notable diferenza notarase nas temperaturas, que descenderán considerablemente, especialmente no que respecta ás mínimas.