Martes 28 Novembro 2023

Os peixes contribúen á produción de turbulencia nas rexións costeiras

Un estudo con participación galega descobre a contribución dos cardumes á mestura oceánica, cun papel importante na distribución de calor, nutrientes e osíxeno

Os peixes contribúen á produción de turbulencia e mestura oceánica nas rexións costeiras, polo que o papel que xogan na distribución de calor, nutrientes e osíxeno é máis importante do que se pensaba. Esa é a principal conclusión dun estudo internacional no que participaron investigadores de Vigo e que acaba de ser publicado en Nature Geoscience. A importancia do achado radica en que, ata agora, a comunidade científica demostrara que eran os ventos e as mareas os que subministraban a maior parte da enerxía que impulsa a mestura das diferentes capas que forman os océanos, pero non se constatara a contribución dos organismos nadadores a este fenómeno.

Así, os resultados do estudo, que tamén se recollen nunha pílula divulgativa dispoñible en inglés e en galego, constitúen a primeira evidencia obtida a partir de medicións in situ dunha mestura oceánica impulsada bioloxicamente. É o que se coñece como bioturbulencia, un fenómeno que leva fascinando á comunidade científica durante décadas.

Enseada de Bueu

Detrás deste estudo hai todo un equipo internacional de investigadores, composto por varias institucións, como é o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas IIM-CSIC, o Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), a Universidade de Southampton e o Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology.

Os investigadores estiveron quince días vixiando as turbulencias da auga na ría de Pontevedra, concretamente na enseada de Bueu, a bordo do BIO Ramón Margalef no verán de 2018. Estas observacións xurdiron de forma “totalmente fortuíta”, explica Beatriz Mouriño, investigadora principal do proxecto Remedios no que se enmarca este estudo. Malia que a campaña oceanográfica tiña como obxectivo estudar como afecta a turbulencia á vida mariña, “acabamos demostrando que a vida mariña pode influír na turbulencia oceánica, que á súa vez inflúe na vida mariña”.

“Cada noite producíase unha turbulencia moi intensa, comparable á que pode xerar unha tormenta sobre a superficie do océano”

A investigación arrancou cando o equipo científico observou como durante esas dúas semanas de campaña, cada noite se incrementaba a turbulencia na auga. Empregando un perfilador de microestruturas constataron que “dende o anoitecer ata o amencer, as medidas indicaban que, baixo os nosos pés, desde uns 10 a 30 metros de profundidade, se estaba a producir unha turbulencia moi intensa, comparable á que pode xerar unha tormenta sobre a superficie do océano”, explica Beatriz Mouriño.

Utilizando a información acústica da ecosonda montada no casco do barco e as mostras recollidas con redes, o equipo puido atribuír esta turbulencia á presenza de cardumes que se concentraban pola noite na zona. De feito, as redes estaban cheas de ovos de bocarte ou anchoa europea (Engraulis encrascicolus), o que evidencia que o sinal corresponde a agregacións de desova deste peixe que, co seu comportamento frenético, xera a bioturbulencia.

A estratificación das rías, a clave

“Cremos que a mestura biolóxica foi intensa nas nosas observacións porque as rías están moi estratificadas: a temperatura e outras propiedades experimentan cambios moi importantes a diferentes profundidades”, explica o doutor Bieito Fernández Castro, investigador da Universidade de Southampton e primeiro autor do artigo. De feito, como relata o científico, “os estudos anteriores suxiren que a turbulencia biolóxica causa pouca mestura porque o movemento circular da auga que xeran os peixes mentres nadan é demasiado pequeno. Isto é certo no océano aberto, onde os cambios de temperatura ocorren en decenas de metros. Non obstante, os nosos datos mostran que máis preto da terra, onde os cambios ocorren nun intervalo de profundidade moito menor, as anchoas son capaces de xerar mestura”.

“máis preto da terra, onde os cambios ocorren nun intervalo de profundidade moito menor, as anchoas son capaces de xerar mestura”

Así, este estudo revela que, aínda que a mestura biolóxica pode non ser moi importante no océano aberto, si pode ser significativa nos ecosistemas costeiros, onde unha elevada produción biolóxica coexiste con cambios verticais rápidos nas propiedades do océano. A mestura vertical creada polos bancos de peixes podería afectar á redistribución da temperatura, nutrientes e gases disoltos, como o osíxeno, que xogan un papel fundamental no funcionamento do ecosistema do que dependen os propios peixes. Polo tanto, os achados destacan a capacidade dos organismos vivos para influír e remodelar o medio físico onde viven.

O artigo está asinado por Bieito Fernández Castro, de Universidade de Southampton, como primeiro autor, xunto cos investigadores do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo Beatriz Mouriño, Esperanza Broullón e Antonio Comesaña; Marian Peña, do Centro Oceanográfico de Baleares (IEO, CSIC); Enrique Nogueira, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC); Miguel Gil Coto, do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC); Damien Bouffard, do Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology e Alberto C. Naveira, da Universidade de Southampton.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:02:51

As mariscadoras pensan en abandonar o mar: o marisco non medra ou morre

As rías experimentan unha caída da produción derivada da sobreexplotación e o cambio climático. Nas últimas semanas a situación agravouse polas riadas

A borrasca Domingos bate o récord de altura significante de onda de Portos do Estado

A boia de Estaca de Bares na Coruña rexistrou 13,95 metros (Hs) o sábado 4 de novembro, o que representa a media da terceira parte das ondas máis altas

A imaxe desoladora do marisco morto en Noia e Rianxo: a borrasca Domingos arrasa toneladas de bivalvo

As praias de Testal e A Torre protagonizan outro episodio de mortandade nun contexto de caída en picado da produción

Pódcast | O CIM desvela por que o espertar sexual dos bocartes afecta as correntes oceánicas

Falamos coa investigadora Beatriz Mouriño, que lidera o equipo que gañou o IG Nobel de Física polo seu estudo sobre o sexo das anchoas