Cantos metros cúbicos de magma continuarán saíndo do interior da Terra en La Palma? A que velocidade se irá movendo a lingua de lava e, por tanto, cando chegará ao mar? Haberá nubes tóxicas, explosións polo contacto entre a auga do océano e as rochas incandescentes? Cando acabará a erupción? Catro días despois da erupción do volcán na illa canaria, cunha cobertura mediática e científica sen precedentes arredor deste tipo de feitos no arquipélago, a dificultade de responder ás diversas preguntas que a opinión pública ten evidencia o grao de incerteza arredor destes fenómenos. Alén de todos os avances dos que a ciencia actual dispón para anticiparse e prepararse fronte ao evento, algunhas respostas seguen, polo momento, no aire.
As certezas
Unha das poucas magnitudes do fenómeno que é posible establecer polo momento é o severo impacto da lingua de lava na superficie da illa. Ademais das valoracións sobre o terreo, a información recollida polos satélites está contribuíndo a cuantificar o impacto da lava. O Servizo de Xestión de Emerxencias do sistema Copernicus cifra en máis de 170 as hectáreas cubertas pola lava e as rochas volcánicas. Moitas delas son de terreos agrícolas. En canto ás edificacións afectadas, son preto de 400, das cales máis de 370 quedaron completamente destruídas.
Outro dos impactos visibles na illa está a ser o da cinza, que cobre as localidades próximas á erupción. O Cabildo de La Palma está a difundir recomendacións á cidadanía para evitar danos pola emisión destas partículas.
¿Qué hacer en caso de caída de ceniza volcánica?👇
➡️ Tapa los recipientes de agua.
➡️ Cierra puertas y ventanas.
➡️ No dejes alimentos a la intemperie.
➡️ Protege nariz y boca al salir.
➡️ No realices actividades físicas al aire libre.
➡️ Sigue información oficial. pic.twitter.com/nDboYrfCSj
— Cabildo de La Palma (@CabLaPalma) September 23, 2021
O avance da coada de lava
Desde as primeiras horas da erupción, unha das principais preocupacións da cidadanía, as autoridades públicas e os científicos era o rápido avance da masa volcánica desde a fisura. En base ás primeiras estimacións, mesmo se chegou a poñer hora á chegada da lava ao mar: as 20 horas do pasado luns. Pero a incerteza volveu ser patente: a medida que a lingua se movía, as circunstancias ían cambiando; as rochas arrefrían, comezan a solidificarse e, por tanto, flúen menos. E, ao tempo, gañan altura nalgúns puntos, cunha fronte que supera os 12 metros en vertical.
Tamén inflúe nisto a propia orografía. O primeiro treito que percorreu a coada tiña unha maior pendente, polo que chegou a moverse a razón de centos de metros por hora. A medida que baixa, a pendente vai sendo mais suave e, por tanto, ralentiza igualmente o avance.
Así o explicaba esta mañá a portavoz do comité científico que está a analizar a evolución e directora do Instituto Geográfico Nacional en Canarias, María José Blanco. “Unha delas segue un avance pero moito máis lento que anteriormente, como é lóxico, a medida que se afastan do centro de emisión vai baixando a velocidade e ensanchándose a fronte, que chega a superar os 500 metros”, mentres que a outra lingua, a que chegou a Todoque, está prácticamente parada. Así se pode constatar coa información que achega o sistema Copernicus, e que se pode ver baixo estas liñas:

Chegada ao mar
O freo da coada parece poñer en cuestión unha das cousas que case se daba por certa nas horas posteriores á erupción, a probable chegada da lava ao mar. Na comparecencia deste xoves, María José Blanco descartaba que isto acontecese este xoves ou este venres. Detallaba que, a medida que o volume de material volcánico que se incorpora á lingua aumenta, é máis difícil que esta avance.
A actividade do volcán
A voceira do comité científico expuxo que, por agora, non hai sinais dunha diminución de actividade no interior do volcán. “O nivel segue sendo o mesmo, de feito as deformacións seguen con velocidade estable; isto é, a achega magmática ao reservorio creado a unha profundidade somera é a mesma que sae á superficie”.
Na mesma liña vai un comunicado do Instituto Volcanológico de Canarias (Involcan), emitido este xoves para desmentir as informacións que apuntaban ao “presunto agotamento” do magma que alimenta a erupción, aludindo a “unha interpretación errónea dunha declaración dun dos investigadores”.
Duración da erupción
Outra das informacións que comezou a circular nos últimos días é que alude á predición de canto tempo vai estenderse o proceso iniciado o pasado domingo. A orixe está nunha publicación do Involcan, que expoñía os días que duraron as anteriores erupcións rexistradas en La Palma nos últimos séculos. En base a eses datos, di o instituto, “sería aceptable transmitir que nos movemos no rango dunha duración entre os 24 e 84 días, cunha media xeométrica da orde dos 55 días de duración”. Pero, como parece lóxico, poden ser máis, ou menos.
Nubes de cinza ou gas
Segundo o propio Involcan, a altura da pluma de gases e cinzas que xorde do interior da terra sobe ata os 4,2 quilómetros de altura por riba da boca. A propagación desta nube de materiais elevou a preocupación na península ibérica e o resto do arquipélago canario polos supostos impactos na saúde que podería causar. Pero por agora non semella que vaia ser un perigo importante.
Segundo o centro de investigación atmosférica da AEMET en Izaña (Tenerife), a pesar dalgún pico de concentración de gases como o SO2 observado desde a erupción, os valores non son, por agora, de risco serio para a poboación, aínda que poidan empeorar puntualmente a calidade do aire.
En función das correntes atmosféricas, é probable que a nube de gases e cinza, unha vez ascende, se concentre en determinadas capas a unha altura non daniña para a poboación. Polo momento, a Rede de Calidade do Aire do Goberno de Canarias non notificou superacións dos niveis de risco.
Atención 2/4 ➡️ A nivel de la población, y según la Red de Calidad del Aire del Gobierno de Canarias https://t.co/r4uwNMpfSd, los niveles de SO2 no se han visto incrementados.
— AEMET_Izaña (@AEMET_Izana) September 22, 2021