Xoves 30 Novembro 2023

Máis do 30% dos gatos teñen obesidade: “Son unha bomba andante”

O hospital Rof Codina asiste cada ano unha media de 600 felinos, na súa maioría mascotas que presentan “patoloxías de tipo renal” relacionadas co exceso de peso

O hospital veterinario universitario Rof Codina do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC) recibe cada ano un promedio de 600 gatos, mascotas felinas que, fundamentalmente, presentan “patoloxías de tipo renal”, sinala o director veterinario do complexo hospitalario. O profesor Antonio González Cantalapiedra considera asemade que boa parte destas patoloxías están relacionadas co sobrepeso, ao tempo que subliña que “unha dieta sana e equilibrada axudaría a previr moitas destas enfermidades, ao tempo que reduciría os riscos para o animal en caso de intervención cirúrxica”.

“Os gatos son as mascotas do futuro, porque non requiren esforzo algún por parte dos seus titores”, di González Cantalapiedra, para, de seguido, advertir da crecente problemática que está a provocar o sobrepeso neste tipo de mascotas por mor da súa vida cada vez máis sedentaria.

“Un gato con sobrepeso é unha bomba andante”, alerta o director veterinario do hospital Rof Codina, para logo sinalar a obesidade como posible causa de múltiples patoloxías que presentan este tipo de mascotas, tales como poden ser a diabetes, formación de cálculos renais, cardiopatías e obstrución de vías, problemas ortopédicos e de mobilidade… “O peso medio dun exemplar adulto de gato europeo de pelo curto, que é o máis común en Galicia, sitúase entre 3 e 4 quilos, relata o profesor González Cantalapiedra, quen recoñece que “moitos das mascotas felinas atendidas no hospital veterinario chegan ao Rof Codina pesan máis do dobre, entre 6 e 9 quilos”.

“Os gatos son as mascotas do futuro, porque non requiren esforzo algún por parte dos seus titores”

ANTONIO GONZÁLEZ CANTALAPIEDRA, director do hospital Rof Codina

Os cambios advertidos tanto na fisonomía como no propio comportamento dos gatos están relacionados coa elección deste animal como mascota, un feito que transforma un seu estilo de vida activa e saudable en espazos libres na natureza noutro máis sedentario e confortable no interior dun fogar, explica González Cantalapiedra, que cifra en máis dun 30% a porcentaxe de gatos obesos.

Control de sobrepeso

A inexistencia de mecanismos habilitados por parte das administracións fai imposible dispoñer dun censo de mascotas actualizado, o que dificulta a vixilancia da súa saúde e a prevención de posibles patoloxías, tal e como é o sobrepeso. Para facer fronte a esta realidade, o hospital veterinario universitario Rof Codina e a compañía Pet-Select manteñen aberta ata finais de ano un programa de control de sobrepeso e adelgazamento de gatos obesos ou cun peso maior ao recomendable.

O obxectivo do programa Obesity para gastos pasa por mellorar o seu grao de benestar e contribuír a ampliar a esperanza de vida destas mascotas a partir da súa perda de peso. Daquela, este proxecto investigación promovido desde o hospital veterinario universitario Rof Codina xunto con Pet-Select supón unha oportunidade para que as persoas propietarias deste tipo de felinos se animen a realizar unha revisión completa e gratuíta do seu estado de saúde nas instalacións hospitalarias do Rof Codina.

O único requisito que deben cumprir os animais para participar neste programa de investigación é que estean acostumados a comer exclusivamente alimento para mascotas (penso). Ademais de acceder a unha revisión veterinaria gratuíta, os titores dos gatos recibirán como agasallo unha dieta húmida e hipocalórica específica para a súa mascota por un período de tres meses. As persoas interesadas poden acadar máis información sobre este programa de perda de peso para mascotas, a través do número de teléfono 982 820 920 ou no enderezo de correo electrónico obesity@rofcodina.org.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Lugo é a provincia do Estado con máis persoas obesas

Varios estudos revelan que Galicia é a segunda comunidade con máis prevalencia de sobrepeso entre a poboación adulta

O catedrático da USC Carlos Diéguez ingresa na Academia de Ciencias

O investigador galego é un referente mundial no estudo da obesidade e publicou máis de 500 traballos en revistas internacionais

Daslle bicos á túa mascota? Estas son as enfermidades que podes contraer

As zoonoses poden transmitirse a través do contacto con saliva, fluídos corporais e feces, ou incluso por roupa de cama e alimentos contaminados

Estas son as substancias químicas que nos engordan e si, están por todas partes

Certos compostos dos envases, cosméticos, deterxentes ou dos propios alimentos poden ter un papel no aumento do sobrepeso e da obesidade na poboación