Cando nos días previos ao 14 e 15 de outubro de 2017 comezou a facerse oco nas noticias a proximidade do furacán Ophelia ao oeste da península ibérica, eran poucas as persoas que esperaban que aquilo desembocase nunha vaga de incendios que arrasou centos de miles de hectáreas en pouco máis de 48 horas en Portugal e Galicia. A traxectoria que seguiu o ciclón (co seu núcleo cargado de humidade lonxe de terra firme) provocou que os fortes ventos que traía con el avivasen as lapas, que se propagaron a toda velocidade nun terreo afectado por meses de seca, e en condicións propicias: calor, pouca humidade, fortes refachos de vento e moito combustible nos montes á espera dunha faísca. Despois de Ophelia chegaron outros nomes, como Leslie (2018), Pablo ou Lorenzo (ambos en 2019), que parecen apuntar cara a un fenómeno cada vez máis frecuente: furacáns que se dirixen cara a Europa e que, pola súa traxectoria, déixanse notar na costa atlántica. Hai que prepararse para un futuro no que convivir con estes ciclóns?
“É posible que nos próximos anos aumente a frecuencia deste tipo de fenómenos”, explica Juan Jesús González Alemán, investigador da Universidade Complutense de Madrid, experto en ciclóns, dinámica atmosférica e cambio climático. “Non temos suficientes datos para afirmar que vai ser unha tendencia, pero o cambio climático é un factor clave. Este tipo de ciclóns fórmanse en latitudes subtropicais e sacan a súa enerxía do océano; se a temperatura da auga é máis cálida, poderán coller máis forza e desenvolverse”, explica o científico.
WOW. Modeled aeorosols (smoke, dust, salts) from the 2017 #hurricane season. AMAZING video depicting all of it! A few things to pick out:
Hurricane Ophelia picking up smoke from Portugal wildfires
Vast dust plumes from Africa
Hurricanes picking up salt in the Caribbean…& more! pic.twitter.com/oBmK9DqfVN— Beth Carpenter | TDS Weather (@B_Carp01) November 14, 2017
Desde Galicia son varios os grupos que investigan o probable e crecente impacto destes fenómenos. “Estes furacáns son algo distintos dos que afectan ao Caribe e Estados Unidos. No caso dos que poden chegar a Europa, fórmanse por un fenómeno que coñecemos como transición tropical. A súa semente adoita ser unha borrasca que descende en latitude cara a unha zona do Atlántico onde a auga está máis quente. Unha vez que se desenvolven e adquiren características de ciclón tropical, outra borrasca das que cruza o Atlántico algo máis ao norte, impúlsaos cara a Europa, e ás veces poden chegar á nosa costa con bastante forza”, detalla Gonzalo Míguez Macho, profesor da Facultade de Física da USC e membro do grupo de investigación de Física non Lineal.
Na mesma liña pronúnciase Rogert Sorí, investigador do grupo Ephyslab do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. “Para que isto ocorra debe existir unha combinación de factores na interacción océano-atmosfera“, e nisto, explica Sorí, “o incremento da temperatura na conca atlántica foi fundamental”. A “expansión da piscina de auga cálida do Atlántico cara ao leste foi relacionada coa maior formación de sistemas tropicais nas costas africanas, e unha anticipación na recurva destes sistemas cara ao norte”, engade. Algúns resultados preliminares que obtivo o estudante de doutoramento Albenis Pérez Alarcón, nunha investigación dirixida polo catedrático Luis Gimeno, “mostran que a tendencia da temperatura da superficie do mar da conca tropical do Atlántico Norte experimentou un incremento de aproximadamente 0,0041 ºC/ano para a tempada ciclónica (xuño-novembro) desde 1850 ata finais de 2018“, apunta Rogert Sorí. “Consecuentemente, estes resultados confirman tamén achados previos que observaron unha migración media cara ao norte das áreas onde os ciclóns tropicais alcanzan o pico de máxima intensidade na conca do Atlántico Norte”, engade.
Unha imaxe histórica: nunca un furacán categoría 5 estivo tan preto de Europa
Gonzalo Míguez descarta que se poidan ver en Galicia furacáns da intensidade de Katrina, Mitch ou Dorian, algúns dos máis devastadores que golpearon o continente americano nas últimas décadas. “Ademais de que teñen unha orixe distinta, os que se dirixen cara a Europa debilítanse moito ao moverse cara ao norte. É moi difícil, case imposible, que un ciclón con estrutura de furacán tan potente poida manterse nestas latitudes, porque a circulación do vento non é uniforme nas distintas alturas e a estrutura do furacán acaba desfacéndose”.
Incerteza e modelos máis precisos
Por agora, a pesar de que se debiliten ao achegarse á costa europea, estes ciclóns poden ser o suficientemente potentes para provocar problemas. Leslie, en outubro de 2018, fixo que se activase no arquipélago de Madeira o primeiro aviso da historia por unha tormenta tropical, provocou grandes danos materiais en Portugal e, ao retroalimentarse con outra borrasca no sur de Francia, causou inundacións que deixaron 13 vítimas mortais.
“Neste tipo de fenómenos, os modelos de predición meteorolóxica que se usan en Europa seguen sendo incertos, e vímolo cos problemas que causou Leslie. Tiñamos un escenario incerto que non temos con outras borrascas ou cicloxéneses explosivas; hai que estudar para mellorar os predictores, necesitamos máis certezas para prepararnos fronte a estes fenómenos”, engade Juan Jesús González Alemán.
Gonzalo Míguez coincide en sinalar que, ao tratarse de fenómenos que aínda non foron estudados en profundidade, hai un elevado grao de incerteza: “Temos que aprender aínda moitas cousas sobre como se forman e anticipar con detalle como se van a mover. Adoitan ser máis pequenos que outras borrascas, e debido á súa intensidade, unha pequena desviación pode ser moi relevante”, sinala.
Cara a mediados de século pode aumentar a probabilidade de que Europa sufra os efectos destrutivos dos ciclóns tropicais
Engade González Alemán que a propia circulación atmosférica en latitudes medias inflúe en que as predicións sexan menos detalladas. “Nos trópicos todo está máis claro, porque podemos anticipar mellor a evolución destes fenómenos, e repítense certas características, pero todo o que rodea aos ciclóns tropicais en latitudes medias é moito máis complexo, non hai datos nin estudos suficientemente robustos”.
O equipo de Ephyslab expón que estes fenómenos poderían aumentar a súa frecuencia nos próximos anos. “Os resultados do noso doutorando Albenis mostran que o número de sistemas que alcanzaron a categoría de tormenta tropical aumentou desde 1850 ata finais de 2018”, di Sorí. Así, “diante a concordancia de escenarios de progresivo quecemento global, o esperado incremento da temperatura en toda a conca atlántica tropical ocasionaría unha extensión cara ao norte e o este da área da súa xénese”, o que implicaría “que os futuros furacáns poderían afectar cada vez máis as latitudes medias”. De feito, engade o investigador do campus de Ourense, “varios resultados publicados constatan que para mediados e finais de século pode ter lugar un aumento significativo do número de ciclóns intensos” e, “como resultado, aumentaría a probabilidade de que Europa occidental se vexa afectada polos efectos destrutivos dos ciclóns tropicais”.
Tempada activa
Para os próximos meses, a situación apunta a que é posible a formación, un ano máis, de novos ciclóns na costa atlántica europea. “Sábese que o fenómeno de El Niño afecta tamén á tempada de furacáns, e as temperaturas no Atlántico están a ser bastante altas. En agosto e setembro, na tempada alta de furacáns, é posible que se produzan varios ciclóns importantes”, avanza González Alemán.
Os investigadores apuntan, do mesmo xeito, a que a prevención debe ser unha das primeiras liñas de defensa para evitar danos de consideración. “Vimos nos últimos anos no Mediterráneo que a ocupación humana do litoral pode converterse nun dano moi notable cando chegan estes fenómenos. Habería que favorecer accións que contribúan a minimizar o impacto nas costas”, conclúe o investigador da Complutense.