Martes 28 Novembro 2023

A drenaxe da lagoa de Antela provocou máis danos no solo que os cultivos

Un estudo do CSIC compara datos históricos do humidal que revelan acidificación, perda de carbono e un maior afundimento do previsto

Antela, situada na comarca da Limia, foi unha das maiores lagoas de auga doce da península. Porén, unha lei de 1956 declarou a zona de alto interese nacional e ordenou a drenaxe do humidal para promover a produción agrícola e gandeira nesas terras. Agora, un equipo do CSIC vén de publicar un artigo na revista Catena onde se analizan os cambios físico-químicos que se producen no solo despois da drenaxe e cultivo en zonas húmidas. Malia que a lagoa de Antela xa pasou por este proceso hai máis de seis décadas, había poucos estudos ao respecto, por iso analizaron o caso. Segundo indican os autores, “os efectos da drenaxe foron maiores que os do cultivo” no que respecta ao empobrecemento do solo.

Máis en detalle, os investigadores Serafín González Prieto e Marc Romero Estonllo, asinantes do artigo, formularon a seguinte hipótese: os cambios nas propiedades do solo diminuirían dende o núcleo de augas permanentes da lagoa cara aos seus bordes, con períodos nos que se encharcaba cada vez menos. Para corroborala, establecéronse 106 puntos de mostras en 2019 e analizáronse tanto as variables do solo estudadas na década dos 60 como outras adicionais.

Os resultados

Os investigadores conseguiron constatar que os cambios no pH do solo e o carbono orgánico foron maiores no núcleo da antiga lagoa, que está permanentemente anegado, e diminúen nos solos a medida que se reducía o período no que estaban inundados. Ademais, verificouse que o afundimento do terreo, de entre 17 e 32 centímetros, na área previamente ocupada pola turba foi de entre 6 e 8 veces maior que o previsto inicialemtente, aínda que esa taxa atópase na parte inferior do rango en humidais similares.

Polo tanto, os resultados do estudo apuntan cara a unha acidificación e perda de carbono no solo, que aumenta progresivamente dende as zonas menos profundas e anegadas de modo temporal á zona máis profunda e sempre cuberta de auga. Por outra parte, a abundancia natural do isótopo 15N suxire que a seca e posta en cultivo provocou que o ciclo do nitroxeno sexa máis aberto. É dicir, con maiores perdas para o agro-ecosistema. Tras este estudo, prevese continuar coa análise do contido de macro e micronutrientes.

“Os humidais, como as lagoas, atópanse entre os ecosistemas máis produtivos e biodiversos. Non obstante, moitos estanse transformando para outros usos, o que deriva, entre outras cuestións, nunha intensa presión sobre os ciclos da auga, carbono e nitróxeno; aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro ou a compactación e afundimento do terreo. A pesar do interese no tema, disponse de pouca información”, conclúen González e Romero.


Referencia: Soil physico-chemical changes half a century after drainage and cultivation of the former Antela lake (Galicia, NW Spain) (Publicado en Catena)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo deseña un antiinflamatorio substituto dos corticoides

O composto, creado por un grupo liderado polo CSIC e a Universidade Politénica de Valencia, ten menos afectos adversos e toxicidade

Un compromiso coa comunicación científica de calidade

A delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González Sotelo, destaca o traballo de Gciencia durante os seus primeiros dez anos

Para que divulgar ciencia e, ademais, en galego?

Nunha charla sobre a mina de ouro de Corcoesto decateime de que a mellor maneira de chegar ao público era a través do exemplo

Demostrada a eficacia dun novo fármaco contra o cancro de colon

Os investigadores desenvolveron un medicamento dirixido contra a proteína CD98hc, unha nova diana terapéutica presente na superficie das células tumorais