Xoves 30 Novembro 2023

Dez consellos sinxelos e eficaces para aforrar auga que podes practicar cada día

A Xunta impulsa a campaña "cada litro conta" para concienciar sobre o desperdicio deste recurso para o ben común

Como é habitual nestas datas, Augas de Galicia lanza unha campaña de comunicación para recordarlle á cidadanía a importancia de non desperdiciar a auga. Baixo o lema “Cada litro conta”, apélase a que os galegos e galegas incorporen pequenas rutinas domésticas que axuden a un consumo responsable deste ben común. Pequenos xestos que, ademáis de supoñer un aforro importante de cartos para as familias, garanten a dispoñibilidade de auga a medio prazo e son vitais para a preservación dos hábitats e ecosistemas fluviais.

O primeiro refírese aos electrodomésticos do fogar. A lavadora ou o lavalouzas só deben poñerse en funcionamento cando estean cheos. Iso permitirá aproveitar ao máximo a súa capacidade. Unha lavadora pode gastar ata 90 litros cada vez que se pon en marcha, e un lavalouzas, ao redor de 30. Na cociña é aconsellable utilizar cuncos para lavar os pratos. Quen teña na súa cociña un vertedoiro con dúas cubetas pode usar unha para enxaboar e outra para aclarar. Para beber auga fría, non se debe deixar correr a billa, o aconsellable para non malgastar é poñer unha xerra de auga na neveira.

Outro dos consellos é desconxelar os alimentos a temperatura ambiente, e nunca baixo a billa. Iso permite un aforro de 15 litros. Lavando a froita e a verdura nun bol afórranse dez litros. É importante pechar a billa cando non se utilice, xa que por unha billa aberta corren ata 12 litros de auga por minuto. Mentres que un se cepilla os dentes, se afeita ou se enxaboa na ducha, debe pecharse a billa. Iso permitirá un aforro de ata dez litros de auga. Cando unha persoa usa a ducha no canto de se bañar, o gasto pódese reducir en 30.000 litros ao ano.

Atomizadores e billas monomando

Hai que ter coidado coas fugas. Cada dez pingas de auga por minuto supoñen 5.000 litros de auga ao ano. Nos cuartos de baño que non son de dobre descarga, pódese meter dentro da cisterna unha ou varias botellas de plástico cheas: cada vez que se tire da cadea aforraranse entre dous e catro litros. O uso de atomizadores aumenta o chorro con menor cantidade de auga. Con estes difusores pódese aproveitar mellor a auga e iso permite reducir o consumo. Tamén son recomendables as billas monomando que están deseñadas para evitar que goteen.

É aconsellable regar as plantas á noitiña ou ao amencer, cando a temperatura é máis baixa. Desta forma evitaranse perdas de auga por evaporación. No xardín débense utilizar sistemas automáticos de rega por aspersión. En época de seca, non se debe utilizar a mangueira. Tamén, pechar levemente a chave de paso de auga á vivenda axuda a que saian menos litros da billa por minuto, reduce o malgasto e a factura.

Son, todos eles, consellos encamiñados a un bo aproveitamento deste recurso natural. A campaña destaca ademais, en contra do que se poida pensar, a idea de que en Galicia non sobra a auga, polo que é importante que cidadáns e administracións asimilen esta realidade e compartan a preocupación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro

Este proxecto europeo basearase na maricultura para apoiar as necesidades de plantas e sementes para a súa reintrodución

Un equipo da UVigo avalía o posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático

Os investigadores galegos aseguran que a técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie e reduciría a temperatura

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

A galega Elena Ojea gaña o Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña

A investigadora recibe este recoñecemento polo seu traballo sobre a adaptación e transformación dos sistemas socioecolóxicos mariños