Os océanos absorven arredor do 90% da calor dos gases de efecto invernadoiro. Na actualidade os mares de todo o planeta están a sufrir as consecuencias máis directas do cambio climático: o quecemento oceánico e por ende, o aumento do nivel do mar. Cada ano o mar aumenta a un ritmo de 2,8 milímetros. Un estudo recentemente publicado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e o Centro Oceanográfico de Málaga analiza as series mensuais do nivel do mar en diferentes portos arredor das costas atlánticas e mediterráneas da península ibérica. Vigo lévase a peor parte: o seu mar subiu 2,66 milímetros dende 1993 a 2019. Un dato alarmante para a comunidade científica e que pode significar nun futuro a desaparición de praias que quedarán cubertas pola auga.
“Para países como o noso, cunha gran extensión de costa, a subida do mar terá efectos graves como o retroceso da liña de costa ou o maior impacto dos temporais sobre as construcións e infraestruturas costeiras”, explica Manuel Vargas, físico do Centro Oceanográfico de Málaga do IEO-CSIC e autor do traballo. O caso da Coruña non é máis alentador que o de Vigo, xa que é a terceira rexión da península onde máis aumentou o nivel do mar, 2,29 milímetros ao ano. A análise destas series temporais conclúe que o ritmo ao que medran as augas marítimas é case o doble que no período que abrangue dende 1948 a 2019. Vargas apunta que a solución non está preto, senón que a situación se está agravando co paso do tempo.

O equipo analizou unha serie temporal de 17 mareas no artigo “Factors Contributing to the Long-Term Sea Level Trends in the Iberian Peninsula and the Balearic and Canary Islands” publicado na revista Geosciences. Nel, os científicos explican as posibles causas que poden contribuír a este ascenso insólito do nivel do mar. Na súa investigación sinalan que a fusión dos xeos de Groenlandia e a Antártida puideron provocar a subida de 1,4 milímetros ao ano aproximadamente. Todo o que acontece na atmosfera é circular e o aumento do volume de auga repercutirá, inevitablemente, nunha gran perda de biodiversidade.
Segundo explica a ONU, o cambio na temperatura leva a uns efectos progresivos sen precedentes, que inclúen o desxeo dos polos, o aumento do nivel do mar, ondas de calor mariñas e acidificación do océano. Segundo afirmou a Administración Oceánica e Atmosférica Nacional de Estados Unidos (NOAA), nos próximos 30 anos o nivel do mar subirá tanto como no último século.
“Hai moito que o océano soporta a carga do impacto do ser humano sobre o quecemento global”, afirma o Plan de acción contra o cambio climático da ONU. Estas variacións impactan sobre a biodiversidade mariña e a economía das rexións costeiras. Concretamente, 680.000 millóns de personas viven en áreas costeiras baixas; case 2.000 millóns habitan na metade das grandes metrópoles do mundo situadas na costa; preto da metade da poboación mundial, 3.300 millóns, depende da pesca para alimentarse; e sobre 60 millóns dependen economicamente do sector.
Sucesos terrestres extremos
O Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) afirmou que as rexións do Pacífico Trópico-Occidental, o Pacífico Suroccidental, o Pacífico Norte, o océano Índico Suroccidental e o Atlántico Sur enfróntanse a unha subida do mar máis rápida. A ONU apunta ademais que os “sucesos terrestres extremos” como as mareas mortais causadas por tormentas, as inundacións, erosións e desprendementos de terra ocorrerán unha vez ao ano. “Historicamente, estes sucesos déronse unha vez cada século”, puntualiza.
As zonas costeiras son as máis vulnerables ao aumento do nivel do mar. Este fenómeno produce unha contaminación da auga dos acuíferos e a inundación de humedais, con toda a afección que isto supón para a fauna e flora dos ecosistemas. “A subida dos mares ameaza vidas e pon en perigo o acceso á auga, os alimentos e a atención médica. A entrada de auga salada pode prexudicar empregos e economías enteiras en industrias clave como a agricultura, a pesca e o turismo. Pode danar ou destruír infraestrutura vital”, alertou o secretario xeral da ONU, António Guterres.
A única maneira de evitar o aumento do nivel do mar é frear o quecemento global, é dicir, reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro. As principais ambicións de Europa son reducir para 2030 un 55% de emisións de gases de efecto invernadoiro en comparación con 1990. E é que os cálculos da ONU alertan de que máis da metade das especies mariñas mundiais poderían atoparse ao bordo da extinción en 2100. O que para os científicos se traduce como un punto de non retorno.